O PP culpa da "decadencia" do Mercado de Pontevedra aos "encontronazos continuos entre o bipartito"

Pontevedra
16 de maio 2023

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, visitou este martes a Praza de Abastos acompañado polo presidente provincial do PP, Luís López, e da número dous da súa candidatura, Pepa Pardo

Rafa Domínguez, Pepa Pardo e Luis López de compras no Mercado

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, visitou este martes a Praza de Abastos acompañado polo presidente provincial do PP, Luís López, e da número dous da súa candidatura, Pepa Pardo.

Rafa Domínguez denunciou a "decadencia" do Gastroespazo da primeira planta do Mercado e a "deterioro continuo de la parte de abajo"  e avoga por elaborar un proxecto integral para todo este edificio, "un proyecto que busca dinamizar y mejorar los dos niveles del edificio".

A primeira fase desta proposta estaría centrada no andar superior. Redactaríase un documento que regule a actividade do gastroespazo e que proporcione solucións aos problemas existentes. Na segunda fase da proposta, enfocada na planta baixa, Rafa Domínguez expuxo unha ampla reforma do Mercado para garantir un servizo óptimo e unha experiencia de compra cómoda para os usuarios. A proposta inclúe aspectos como a instalación de portas correderas, ramplas de acceso para persoas con mobilidade reducida, melloras na eficiencia enerxética e a sustentabilidade, sistemas de renovación de aire e climatización, así como a creación de baños accesibles e adaptados.

Pepa Pardo lamentou que "el Mercado está total y absolutamente abandonado y maltratado", polo goberno local de Pontevedra, algo que achaca ás "diferencias" entre o BNG e o Partido Socialista. 

Ademais incidiu en que a planta baixa da Praza "é un auténtico desastre" con numerosas deficiencias nas instalacións que "han sido completamente ignoradas por la concejalía responsable del Partido Socialista".

Luís López tamén incidiu nesta mensaxe, que a situación na que se atopa a Praza de Abastos é "síntoma do que é a política local" onde na primeira planta só queda un establecemento por "falta de decisión, de acción, de iniciativa". Algo que achaca aos "encontronazos continuos entre o bipartito" debido á "falta de sintonía total entre o Bloque e o PSOE".

Fronte a esta forma de facer política Luís López sitúa ao candidato do PP, Rafa Domínguez que "fixo un proxecto que é moito mellor que o de fai catro anos" e que definiu como "moitísimo máis maduro, serio, rigoroso e que abarca toda a maioría social de Pontevedra".

Por último, o presidente provincial do PP sinalou que "o do Bloque é o proxecto das beirarrúas, o do PSOE é o do río e o de Rafa é o proxecto da xente".