O parricida de Moraña fixo historia na crónica xudicial: primeira condena a prisión permanente revisable

30 de decembro 2017
Actualizado: 29 de novembro 2024

O repaso pola actualidade xudicial de 2017 debe ter unha parada, inevitablemente, na figura de David  Oubel Renedo. En 2015 o seu nome copou titulares polo dobre  parricidio das súas dúas fillas  Amaia e Candela, de 4 e 9 anos. En 2017  volvio a facelo, pero xa como primeiro condenado en España á pena de prisión permanente  revisable

David Oubel durante o xuízo na Audiencia
David Oubel durante o xuízo na Audiencia / Mónica Patxot

O repaso pola actualidade xudicial de 2017 debe ter unha parada, inevitablemente, na figura de David Oubel Renedo. En 2015 o seu nome copou titulares polo brutal crime que cometeu o 31 de xullo na súa casa de Moraña, o dobre parricidio das súas dúas fillas Amaia e Candela, de 4 e 9 anos. En 2017 volvio a facelo, pero xa como primeiro condenado en España á pena de prisión permanente revisable. 

Tras ser xulgado en xullo na Audiencia Provincial de Pontevedra, un xurado popular concluíu por unanimidade que asasinou brutalmente ás súas dúas fillas cunha serra radial eléctrica e un coitelo de cociña e que o fixo con aleivosía e aproveitándose de que as nenas estaban "indefensas". O veredicto de culpabilidade deu paso inmediatamente á decisión da xuíza presidenta do tribunal, Nélida Cid, de ditar sentenza no propio xuízo. Condenouno a prisión permanente revisable ditando un fallo contra o que non cabe recurso.

Nélida Cid condenouno xa na sala de viva voz e días despois redactou unha sentenza en papel na que insistiu na brutalidade do crime de David Oubel, que no xuízo recibiu cualificativos como " mostruoso". A maxistrada destacou nesa sentenza que os feitos polos que se lle condenou están "caracterizados pola súa gravidade" e revelan no acusado "perigo e carencia dos mais elementais valores e escrúpulos".

Ademais da condena de prisión permanente revisable, acabou condenado á pena de afastamento ou prohibición de aproximarse á súa ex muller e nai das nenas, Rocío Vieitez Ferro, ao seu domicilio, ao seu lugar de traballo ou calquera lugar no que se atope a unha distancia inferior a mil metros e prohibición de comunicarse con ela por calquera medio, xa sexa verbal, escrito, postal, telefónico telegráfico, telemático ou informático durante 30 anos. En concepto de responsabilidade civil indemnizaraa con 300.000 euros. 

Tras esa sentenza, Rocío Viéitez iniciou unha campaña en redes sociais para esixir que non salga de prisión antes de tempo e cumpra íntegra a súa condena de prisión permanente e outra a través da plataforma Change.org para recoller firmes que apoien a súa petición e que o Congreso dos Deputados manteña a pena de prisión permanente revisable no Código penal. Na súa petición pregúntase, entre outras cuestións: "Unha persoa que comete un delito desta índole, que outra pena merece?"

LITO NON CANTOU NO XULGADO

Na comarca de Caldas tivo epicentro tamén outro dos xuízos do ano en Pontevedra, o que sentou no banco dos acusados ao empresario de Caldas Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das verbenas de Galicia polo seu control da metade das empresas do sector e de orquestras como Panorama, París de Noia e Filadelfia 

Tras tres suspensións e/ou adiamentos previos, finalmente foi xulgado en abril deste ano 2017 por seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012. O xuízo celebrado na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra permitiu analizar a actividade da empresa da que é administrador, Representacións Lito, da que os peritos da Axencia Tributaria aseguran que é "un claro exemplo de economía mergullada". 

O acusado non achegou ningún argumento defensivo, senón que optou por acollerse ao seu dereito a non declarar e gardou silencio. O seu avogado pediu a súa absolución ao non ver delito nas súas actuacións e, ademais, considerou unha "falacia" que se trate de economía mergullada como sosteñen os inspectores, senón que o que sucede é que o groso das actividades que se moven no mundo das orquestras non xera IVE.  

Oito meses despois, o xuízo segue pendente de sentenza. O fiscal e a Avogacía do Estado piden que sexa condenado a 14 anos de prisón e o pago de 52,7 millóns de euros: unha multa de 21,6 millóns el, outra de 21,6 millóns a súa sociedade e a devolución ao Estado de 9,5 millóns de impostos defraudados durante os anos 2011 e 2012, pero, tras o xuízo, Augusto Santaló introduciu unha posible cualificación alternativa dos feitos para o caso de que o tribunal opte pola tese da defensa e reduce a súa petición de condena no relativo á fraude do IVE, pois defraudaría unha cantidade moi inferior, e tan só pediría 12 anos de prisión. 

Arquivado en