Tras sufrir unha longa enfermidade, na madrugada do 3 de decembrofalecía o artista pontevedrés Manuel Moldes, toda unha referencia creativa e cultural en Galicia.
Deixou o seu legado a través das súas obras e tamén a través das súas clases, lembradas con entusiasmo polos estudantes de Belas Artes de Pontevedra aos que ensinou a experimentar, a buscar, a crear e, sobre todo, a saír á rúa para vivire recoller nos seus traballos o que vían no día a día.
Tras o seu falecemento, os estudantes atenderon á petición que o profesor realizou como última vontade. El deixara pagadas unhas caixas de cervexas na cafetería da facultade para que os seus alumnos beberan na súa honra e crearan unha tea con diferentes elementos artísticos e frases lembrando a figura do pintor e escultor.
Co tear realizado polos estudantes cubriuse o féretro no enterro no cemiterio de San Amaro. Á cita non faltaron profesores, alumnos e diversos membros da comunidade universitaria, así como numerosos artistas, intelectuais, autoridades e políticos, que na maioría dos casos tamén asistiron ao acto civil no Teatro Principal de Pontevedra, coa presenza dos seus fillos e a súa muller.
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ofrecera, durante o verán, unha antoloxía sobre a súa obra na que el volveu envorcarse realizando un mural efémero nas cristaleiras da fachada do moderno edificio. Moldes contaba coa titulación de arquitecto e foi un integrante destacado do colectivo artístico Altántica. Nesta exposición no Museo, baixo o título ‘Pontevedra Suite’, presentábase un repaso dos seus traballos máis importantes desa época.
Ao artista pontevedrés, os críticos relaciónano con mestres do expresionismo abstracto como Pollock e destacan, entre outros elementos, a súa pintura xestual e as súas liñas barrocas.
A súa última entrevista radiofónica mantívoa con Marisa Ciordia para PontevedraViva Radio. Durante a súa gravación non deixou de debuxar nun papel mentres comentaba os seus traballos e facía un balance dunha vida intensa e chea de momentos que xa quedan para o recordo.