Os socialistas pecharon esta campaña das eleccións municipais do 28M coa visita dun novo ministro do Goberno que lidera Pedro Sánchez. Foi a do titular de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, que participou nun coloquio na Praza da Peregrina.
Durante a súa intervención, acompañado polo candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Iván Puentes, Escrivá destacou o "ambiente buenísimo" que están a ter as medidas propostas polo seu partido en materia social como o parque municipal de vivendas en alugueiro, o reforzo dos servizos sociais municipais ou a creación dunha oficina da dependencia.
"Son ese tipo de políticas, pensadas para las persoas más vulnerables, sobre las que hay que poner énfasis en esta campaña", subliñou o ministro de Seguridade Social, con administracións "que concilien bien con las políticas a nivel nacional y que sean complementarias".
A este respecto, destacou a importancia de que exista unha conexión entre as políticas nacionais "que protegen por arriba" e as políticas de proximidade, as que se impulsan desde os concellos, "que tienen esa misma disposición de pensar realmente en las personas".
Iván Puentes, pola súa banda, afirmou que "o cemento e as infraestruturas son moi importantes, pero tanto ou máis importantes son as persoas e garantir unha equidade, igualdade e liberdade de todos e todas con independencia da súa renda e posibilidades".
A presenza de Escrivá en Pontevedra, que o candidato socialista cualificou como o "ministro das persoas", é un "símbolo moi relevante" para pechar a campaña "falando de persoas".
Así, entre os compromisos de Puentes para o seguinte mandato figuran o de dotar a Pontevedra duns servizos sociais que conten con recursos humanos e materiais suficientes para acadar a mellor atención a toda a cidadanía.
Ademais, propón incrementar o número de Unidades de Traballo Social ata un total de trece e poñer en marcha unidades de atención social descentralizadas nos barrios de Pontevedra.