O máis lido e comentado en PontevedraViva en 2023

Pontevedra
30 de decembro 2023

Ao longo de todo un ano moitas son as noticias que se xeran na área metropolitana de Pontevedra. Estas son algunhas das informacións máis vistas e comentadas polos lectores de PontevedraViva en 2023.

Cea-Baile de Gala do Liceo Casino na Caeira nas Festas da Peregrina 2023 Diego Torrado

Ao longo de todo un ano moitas son as noticias que se xeran na área metropolitana de Pontevedra. Estas son algunhas das informacións máis vistas e comentadas polos lectores de PontevedraViva en 2023.

Foi toda unha sorpresa descubrir que Pontevedra foi o destino español máis buscado polos viaxeiros de todo o mundo para o próximo ano, tal e como indican as predicións de Booking.com. Supera así a Boa Vila ás principais cidades do país, como Madrid e Barcelona, e a destinos turísticos con alta demanda de estranxeiros como Magaluf e Castelldefels. Algo terá que ver o record histórico de peregrinos que viviu o Camiño de Santiago, un roteiro con multitude de anécdotas como a praga de chinches.

Os viaxeiros que chegan a Pontevedra en autobús gozan agora dunha remodelada estación e se o fan en tren comproban o cambio experimentado en Vialia. Boa parte deses usuarios do transporte público son os 4.215 universitarios que estudan no noso campus, unha cifra récord.

As obras seguen suscitando gran interese como ocorre co Gran Montecelo ou os ambiciosos proxectos en marcha, entre eles, o destape do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo ou o inicio da construción do polígono comercial do Vao despois de décadas de trámites administrativos. 

Outros proxectos que resultan moi atractivos son as recuperacións dalgunhas xoias da cidade como a restauración do Pazo de Lourizán, do edificio de Facenda na Ferrería e, por suposto, o convento de Santa Clara. Tamén a Illa de Tambo. Pero non quedan atrás as informacións relacionadas con algunhas iniciativas privadas como a apertura do novo albergue de Cáritas ou a desaparición da entrada das Galerías Oliva desde a rúa Gutiérrez Mellado que anuncia un traslado de Zara a este céntrico edificio.

En xeral, a microeconomía vista desde o lado máis humano resulta atractiva por iso é polo que sexan noticias moi seguidas o peche ou a apertura de novos establecementos, sobre todo cando estes levan na cidade moitos anos como foi o caso do Carabela, a Panadería Abelleira, Caramelos Nováskaraoke Michelena ou a Sala Karma.

Ano tras ano repítense unha serie de eventos festivos que catapultan as visitas de PontevedraViva xa sexa para informarse ou para ver as galerías fotográficas, iso sempre ocorre co Entroido, as Festas da Peregrina (especialmente o Baile de Gala do Liceo Casino), a Feira Franca ou o Nadal.

Capítulo á parte merecen os accidentes de tráfico. A última traxedia viviuse en Marín coa morte de dous mozos de 16 e 17 anos pero tamén destacaron outras como o atropelo múltiple en Vilanova con 18 persoas feridas ao perder o condutor o control e arroiar ao público durante a verbena da orquestra París de Noia.

Outras informacións, aínda que xa poden parecer repetitivas, continúan interesando á cidadanía como ocorre con cada vez que un coche queda  atascado nas escaleiras do Teucro ou na Ferrería ou mesmo con cada unha das visitas do emérito a Sanxenxo, onde por certo a visita máis comentada do ano foi a dun grupo de migrantes africanos.

O cura de Lérez e as súas múltiples polémicas tamén se atopan entre o máis visto e comentado do ano do mesmo xeito que o estraño suceso denunciado por un marinense ao que encerraron espido no maleteiro e logo queimaron o coche ou o nacemento de ‘Loita’ o movemento de nais que defenden os seus dereitos sanitarios e os dos seus fillos.

Tamén dous alcaldes de Arousa foron noticia por ser vítimas de agresións, o da Illa e o de Vilanova, ao socialista Carlos Iglesias rompéronlle a clavícula e ao popular Gonzalo Durán tentáronlle queimar o coche e a casa.

Ademais 2023 foi o ano do regreso do pregón ao Concello, e o pasado 20 de novembro un encapuchado destruíu a marteladas o escudo franquista da rúa Michelena.