O ITU Multisport de tríatlon, unha experiencia irrepetible para Pontevedra cun final de conto

Pontevedra
30 de decembro 2019

Os mundiais de tríatlon foron un dos grandes eventos do ano en Pontevedra, con case 4.000 deportistas de 54 países contaxiando cada recuncho da cidade. A guinda, o ouro de Javi Gómez Noya e a prata de Pablo Dapena na proba de longa distancia que pechaba o evento coa presenza nas rúas de milleiros de afeccionados

Resumo do Mundial de Tríatlon de Longa Distancia de Pontevedra

Dificilmente poderá esquecer Pontevedra o ano 2019 no deportivo, especialmente polo que supuxo a celebración na cidade dos campionatos do Mundo  multideporte de tríatlon, o ITU Multisport que supoñía a organización dos mundiais de dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia.

A Boa Vila converteuse durante algo máis dunha semana en toda unha explosión multicolor, con case 4.000 deportistas rexistrados chegados de 54 países para vivir o maior evento dos organizados ata a data na cidade. Cada rúa e cada recuncho contaxiáronse do espírito do tríatlon desde a cerimonia inaugural dos campionatos.

A cita supuxo un importante esforzo e despregamento organizativo, e deixou multitude de imaxes para o recordo, ademais de completarse cun calendario de actividades como os concertos protagonizados pola Osquestra Panorama, Mercedes Peón ou Dr Queen, entre outros.

Os días foron pasando e as medallas foron caendo nas diferentes carreiras de grupos de idade e elite ata chegar ao fin de festa, un sábado 4 de maio que supoñía o prato forte co Mundial de tríatlon de longa distancia no que participaban os máximos referentes pontevedreses como Javi Gómez Noya, Pablo Dapena e Saleta Castro. Coas rúas ateigadas de seguidores para apoiar aos seus, Pontevedra explotou de xúbilo vivindo a medalla de ouro de Gómez Noya e a prata de Dapena, coma se dun guión elaborado pola organización se tratase.

Foi un final soñado, no que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reforzou a aposta co deporte do tríatlon dando a súa palabra de "que isto algún día se repetirá". O ITU Multisport foi tal éxito que a propia federación internacional deulle "matrícula de honra" á súa organización, segundo sinalou o presidente da Federación Española, e animou a Pontevedra a anunciar que pelexará por albergar en 2023 a Gran Final das Series Mundiais.

ESTREA DUNHA NOVA COMPETICIÓN, O PRO TOUR

O idilio de Pontevedra co tríatlon tivo outra cita destacada en 2019 coa estrea dunha nova e espectacular competición organizada pola Federación Española, o Pro Tour, que tivo lugar no mes de outubro como gran festa de fin de tempada a nivel nacional.

Nin a choiva que obrigou a suspender a súa primeira xornada e concentrar toda a súa actividade na segunda desluciu un evento no que participaron os 40 mellores triatletas da tempada en cada categoría, feminina e masculina, e que reuniu por primeira vez aos tres campións mundiais españois deste deporte en modalidade olímpica: Iván Raña, Javier Gómez Noya e Mario Mola.

Precisamente o mallorquino Mario Mola foi o vencedor en categoría masculina, con Gómez Noya subindo ao podio nunha meritoria terceira posición a pesar de disputarse a competición nunha pouco propicia para el distancia sprint. O vigués Antonio Serrat foi prata mentres que a proba feminina adxudicoulla Anna Godoy nun vibrante sprint final con Anneke Jenkins.