O delegado de Zona Franca promete ampliar o polígono de O Campiño se Iván Puentes é alcalde

Pontevedra
12 de maio 2023

O secretario xeral do PSOE de Pontevedra, David Regades, acompañou ao candidato socialista á Alcaldía de Pontevedra na súa visita ás obras de construción da nova nave de Setga no polígono do Campiño

Visita de Iván Puentes ao polígono de O Campiño PSOE de Pontevedra

O candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, estivo este venres no polígono de O Campiño acompañado polo delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades, para visitar as obras de construción da nova nave que a empresa Setga está a edificar neste terreo.

Despois de encomiar o bo traballo en materia de emprego, innovación e xeración de riqueza en Pontevedra por parte desta firma, o candidato socialista mostrou o seu compromiso pola creación de postos de traballo e facilitar a actividade empresarial na Boa Vila. "Temos que atraer máis empresas a Pontevedra, que é unha cidade referente polo seu modelo amable e mobilidade sostible, algo que é perfectamente compatible con ser unha referencia na industria verde", defende Iván Puentes.

Con todo, para converterse nun polo industrial, Pontevedra debe modificar o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). "Nestes momentos hai cero metros cadrados dispoñibles de chan industrial nos polígonos de O Campiño e O Vao", criticou o actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible prometendo unha modificación inmediata do documento para ampliar o chan industrial na cidade se é elixido alcalde.

E como de promesas electorais ía a cousa, David Regades, delegado de Zona Franca de Vigo e secretario xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, decidiu subir a aposta. "Se Iván Puentes é alcalde, Zona Franca asinará un convenio co Concello de Pontevedra para desenvolver a ampliación do polígono de O Campiño", dixo o socialista. Unha promesa de 200.000 metros cadrados de chan industrial á que Xestur, que segundo o PSOE oponse a ampliar este recinto, non se negará.

Con todo, se as urnas ditan outro camiño, un escenario que Regades "non contempla", a firma do convenio quedaría no aire. Aínda así, o próximo pleno de Zona Franca servirá para aprobar a inclusión dunha partida para a ampliación do polígono de O Campiño nos orzamentos de Zona Franca.

En cambio, o propio candidato do PSOE asegurou que, se finalmente non resulta elixido alcalde, "non faría o que fan outros, independentemente de quen consiga os investimentos para Pontevedra contará sempre co meu apoio".