O Club Ciclismo Triatlón Poio, preparado para o desafío mundialista

Poio
23 de abril 2019

O club deportivo presentou este luns no Concello de Poio ao equipo que lle representará no ITU Multisport Festival de Pontevedra a partir do próximo sábado 27 de abril

Presentación do equipo do Club Ciclismo Tríatlon Poio que competirá no ITU Multisport de Pontevedra Club Ciclismo Tríatlon Poio

Competir nun campionato do Mundo á beira de casa é algo que non sucede todos os días, e o Club Ciclismo Tríatlon Poio non só vai aproveitalo senón que se presenta á cita con toda a ilusión posible.

A entidade deportiva presentou este luns no Concello de Poio aos deportistas que lle representarán no ITU Multisport Festival que comeza en Pontevedra o vindeiro sábado 27 de abril.

Un total de 17 atletas do Tríatlon Poio tomarán parte nos mundiais, nas categorías de grupos de idade.

Entre os favoritos para ocupar postos de honra nas súas categorías preséntanse Aida García, actual campioa galega, Jorge Janeiro e Carlos Iglesias, na modalidade de dúatlon que se disputará precisamente a primeira fin de semana dos mundiais.

Esta tempada o Club Ciclismo Tríatlon Poio participou en diversas probas de nivel nacional, conseguindo o ascenso a Terceira División Nacional de dúatlon.