O BNG quere converter a rúa Serra nun referente para os creadores noveis

Pontevedra
16 de maio 2019

Negociar cos baixos baleiros do entorno do Mercado para convertelos nun espazo para proxectos creativos noveis. É unha das propostas estrela que, no eido do apoio á creación cultural, incluíu o BNG no seu programa electoral

Encontro do BNG con empresas creativas da cidade Mónica Patxot

Negociar cos baixos baleiros do entorno do Mercado para convertelos nun espazo para proxectos creativos noveis. É unha das propostas estrela que, no eido do apoio á creación cultural, incluíu o BNG no seu programa electoral.

Estes espazos que se habilitarían na rúa Serra, segundo avanzou Miguel Anxo Fernández Lores, estarían pensados para que poidan acceder a eles proxectos de especial interese e con condicións económicas accesibles.

Foi unha das ideas que o candidato á reelección polo BNG presentou na Casa da Luz nun encontro con empresas do sector creativo da cidade.

O alcalde explicou que a economía creativa é un concepto "novidoso e perfectamente definido" pola Unesco, que fala de bens e servizos que teñen que ver con actividades culturais, investigación ou desenvolvemento e que contempla manifestacións como software, arquitectura, videoxogos, gastronomía ou moda.

O BNG aposta por sumar sinerxías para lograr que as empresas creativas de Pontevedra se convertan nun referente en toda a península.

Así, Fernández Lores anunciou que a Sétima Feira ten un acordo para levar os emprendedores e creadores de Pontevedra ao Mercado da Cebada en Madrid o próximo mes de setembro.

O candidato indicou que o "salto adiante" na promoción do sector será coordinar todo o movemento de creación cultural a través de encontros que se sucederán no edificio municipal de Santa Clara, baixo o paraugas do proxecto Redeira, "que supón a interconexión e colaboración das empresas para seguir avanzando".

O BNG tamén defenderá facer unha especie de central de compras municipal para facilitar a estas empresa a contratación de certos servizos "con economía de escala".