O BNG de Marín propón a recuperación para o uso público da antiga base da Escola Naval

Marín
22 de maio 2015

O BNG marinense presentou o seu proxecto de patrimonialización e integración urbana da antiga base da Escola Naval Militar de Marín, "unha iniciativa que ten que ser común, aceptada pola maioría dos veciños e que nós estamos dispostos a defender politicamente onde sexa necesario facelo", explicou a candidata á Alcaldía, Pilar Blanco López

Candidatura do BNG de Marín diante da Escola Naval BNG de Marín

O BNG marinense presentou o seu proxecto de patrimonialización e integración urbana da antiga base da Escola Naval Militar de Marín, "unha iniciativa que ten que ser común, aceptada pola maioría dos veciños e que nós estamos dispostos a defender politicamente onde sexa necesario facelo", explicou a candidata á Alcaldía, Pilar Blanco López.

"Queremos que a Escola Naval quede en Marín e teña o protagonismo que merece, xa que forma parte da nosa historia e queremos que permaneza na vila, pero entendemos que a recuperación para os cidadáns dos espazos da antiga base, agora infrautilizados, é a única alternativa para transformar a zona urbana", engadiu a alcaldable.

Este plan, tal como explicou a nacionalista, supón “un aumento considerable do espazo público para uso e disfrute dos nosos veciños, un espazo digno para os nosos maiores e os nosos fillos, garantindo o crecemento futuro da vila”. A idea é recuperar para a cidadanía o porto deportivo, as dotacións deportivas e hostaleiras, os espazos verdes e os edificios infrautilizados.

"Sabemos que é un proxecto que debe madurarse e que para facelo realidade será necesario un amplo consenso social, pero cremos que debemos comezar de xeito inmediato e o BNG comprométese a facelo desde o primeiro día do vindeiro mandato", remata Pilar Blanco.