Non só tríatlon: Unha 'galFESTA' poñerá o punto musical á Gran Final das Series Mundiais

Pontevedra
14 de setembro 2023

A Praza de España acollerá durante a Gran Final das Series Mundiais un escenario no que actuarán do 21 ao 24 de setembro Celme, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, De Vacas e Carlos Núñez, xunto ao espectáculo de inauguración que protagonizará a compañía Pablo Méndez Performance

Clausura dos Campionatos do Mundo Multideporte 2019 Xan Xiadas

A Gran Final das Series Mundiais serán moito máis que tríatlon en Pontevedra, que preparou "unha programación paralela ampla e variada e que de algunha maneira marca a difrerencia con outras cidades".

Así o defendeu o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación desa axenda que completará o evento deportivo, e no que destaca o que se bautizou como 'galFESTA', con concertos entre o 21 e o 24 de setembro no escenario que se habilitará na Praza de España.

O xoves día 21, ás 19.00 horas, terá lugar a inauguración oficial dos campionatos, cun desfile de participantes e as súas delegacións nacionais desde a Praza da Ferrería ata a Praza de España, coa participación do grupo Os de Algures. Tras este evento a compañía Pablo Méndez Performance ofrecerá un espectáculo no escenario principal nunha xornada que concluirá cun concerto do grupo Celme.

Un día despois, o venres 22 ás 21.30 horas, a nota musical poñerana Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, mentres que o sábado 23 á mesma hora actuarán De Vacas.

Por último o domingo 24 de setembro terá lugar clausúraa da Gran Final (21.30 horas) cun concerto de Carlos Núñez.

As actividades paralelas aos mundiais de tríatlon completarase cunha feira en Montero Ríos, con expositores de empresas e produtos deportivos e vinculados a este deporte, e cunha montaxe na Alameda por parte de Estrella Galicia, con zona de restauración incluída.

Ademais organizaranse visitas guiadas en inglés do 19 ao 25 de setembro, un percorrido polo Camiño de Santiago desde Pontevedra que contará con representantes da Federación Internacional de Tríatlon e organizarase unha cea de gala o mércores 20 de setembro no Liceo Casino na que un deportista galego como Iván Raña pasará a formar parte do 'Salón da Fama' do tríatlon mundial.

AmpArticleViewer.default.tags