Nace Cabos Soltos, unha iniciativa municipal para que agrome a cultura emerxente de Pontevedra

Pontevedra
21 de marzo 2019

Dar un impulso á escena creativa emerxente de Pontevedra e activar as salas de concertos e locais de hostalería para que, ademais do servizo para o que están autorizados, apoien a creación cultural. É o obxectivo co que nace o programa municipal Cabos Soltos.

Cabos Soltos Concello de Pontevedra

Dar un impulso á escena creativa emerxente de Pontevedra e activar as salas de concertos e locais de hostalería para que, ademais do servizo para o que están autorizados, apoien a creación cultural. É o obxectivo co que nace o programa municipal Cabos Soltos.

Pontevedra, que nos últimos anos estimulou a creación dunha escena creativa propia a través de iniciativas como o Local de Música, Artistas na Rúa, Pontevedra ten un Puntazo, Sétima Feira, os 15 Bolos ou o Galegote Rock, dá un paso máis no seu apoio á cultura de base.

Os grandes eventos contribúen, sen dúbida, á difusión cultural a través de diferentes formatos, pero o Concello entende que o apoio a estes programas debe complementarse garantindo que pequenas salas e locais poidan seguir programando.

Moitos destes establecementos levan tempo promovendo actuacións en directo de bandas de pequeno formato ou difundindo creacións de artistas plásticos, escénicos ou poetas, sendo unha plataforma imprescindible para esta cultura de base.

A nova lei de espectáculos públicos de Galicia poñía francamente difícil que un pequeno local puidese programar concertos ou organizar calquera tipo de evento cultural. Para evitalo, o Concello, a través de Cabos Soltos, convértese nunha especie de "coorganizador" de toda esta programación, permitindo a continuidade desta aposta pola cultura emerxente.

Un total de 35 locais da cidade pasaron unha intensiva auditoría técnica para comprobar que son aptos para acoller eventos culturais en directo, en virtude da nova lei de espectáculos públicos de Galicia. Así, entre outras cuestións, verificouse que cumpren coas normativas sectoriais e coa seguridade contra incendios ou que teñen adecuadas condicións eléctricas, acústicas e de illamento

Todos aceptaron anotarse nun catálogo municipal e recoñecen estar dispostos non só a programar música, senón tamén a acoller calquera tipo de evento cultural que estea relacionado coa creatividade artística como exposicións, microteatro, recitais de poesía, presentacións de libros ou pases de moda. Todo iso baixo unha duración, periodicidade e horarios determinados e con limitacións no volume de son.

Pola súa banda, os artistas emerxentes que participen en Cabos Soltos tamén terán o seu propio catálogo para que os locais teñan unha maior facilidade á hora de buscar propostas para programar nas súas salas; e para o público editarase un boletín que recolla toda a programación que se ofertará neste programa cultural.