As touradas e, en xeral, os festexos taurinos son unha faceta a potenciar dende o punto de vista turístico e hostaleiro porque, xa a día de hoxe, segundo os datos que manexa o PP local atrae a Pontevedra cada mes de agosto a unha media de 5.000 persoas. Baseándose nesa tese, e na "tradición taurina" da cidade, o líder dos 'populares' locais, Jacobo Moreira, aposta por manter a achega económica que realiza o Concello de Pontevedra actualmente á praza de touros e mesmo potenciala.
Jacobo Moreira trasladoulle esta postura a integrantes da plataforma Touradas Fóra de Pontevedra no transcurso dunha reunión celebrada este mércores na sede local do PP. Ao seu remate, o candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra enmarcou este encontro nunha rolda de contactos na que no seu partido "hablamos con todo el mundo" ao entender que "es hora de cambiar la forma de hacer política, recibir tanto a los que piensan como uno como a los que no".
A reunión presentábase complicada, ante a diferenza de opinións histórica entre Touradas Fóra de Pontevedra e o PP. Finalmente, segundo fontes do PP, transcorreu nun ambiente cordial. De feito, Moreira explicou aos medios de comunicación que el foi "franco" e a outra parte "ha agradecido la franqueza", malia que non chegaron a ningún entendemento.
"Lo que vamos a hacer es decir que lo que se da para la plaza de toros es para las corridas de toros, no vamos a ocultar"
O principal punto de debate foi a proposta de Touradas Fóra de Pontevedra de que o municipio sexa declarado libre de touros, idea coa que discrepa Moreira, que se declara pouco seguidor das touradas, pero considera que "es muy importante mantener la tradición taurina". De feito asegura que se o PP chega á Alcaldía despois do 24 de maio "imos manter a dotación que o concello lle dá á praza de touros".
Neste punto, o líder do PP aproveitou para denunciar o escurantismo do Goberno local en relación co convenio subscrito coa empresa que xestiona a praza de touros, acordo sobre o que asegura que se achega diñeiro á compañía para poder utilizar as instalacións en festexos como o combate medieval da Feira Franca, pero non supón unha subvención ás corridas. Fronte a esta explicación do Executivo municipal actual, Moreira reprocha que intentan "disfrazar el concepto de la aportación".
Pola súa parte, "lo que vamos a hacer es decir que lo que se da para la plaza de toros es para las corridas de toros, no vamos a ocultar". Promete Moreira que serán "plenamente transparentes", pero a súa aposta será por "potenciar todavía más" la faceta taurina "para que venga más gente a Pontevedra gracias a la fiesta de los toros".