Ata Monte Porreiro desprazouse este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que acompañou ao candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, no seu encontro cos veciños do barrio.
Alí, Rueda lembrou que "Monte Porreiro tamén é Pontevedra" e que, do mesmo xeito que no centro da cidade, os seus residentes "tamén merecen beirarrúas humanizadas, rúas limpas, canchas deportivas ao aire libre e a debida iluminación".
O líder do PP lamentou o "esgotamento, acomodamiento e carencia de proxectos novos" do goberno local, que ao seu xuízo provocou a "conxelación no tempo" da cidade.
Para saír desta situación, Alfonso Rueda aposta por un cambio da man de Rafa Domínguez para que Pontevedra "volva coller impulso, mire cara adiante e os pontevedreses poidan contar cun goberno unido", engadindo que "é o momento" de que este sexa alcalde.
Domínguez, pola súa banda, reiterou o seu compromiso de poñer fin ao "longo período de abandono" que sufriu Monte Porreiro ao longo dos anos e convertelo "nun barrio modelo" en termos de desenvolvemento urbano, benestar comunitario e calidade de vida.
Impulsará proxectos de "gran envergadura", dixo, para a humanización integral do barrio, que abarcará desde a renovación de rúas e espazos públicos ata a promoción da mobilidade sostible e a creación de áreas verdes e de recreo.
Mellorar o transporte urbano ou crear programas e actividades culturais, deportivas e educativas que dinamicen o barrio, fomenten o talento local e promovan a inclusión social ou promover a instalación de novos negocios son outras das propostas do PP para Monte Porreiro.
O candidato do PP reiterou que o seu obxectivo é devolver a Monte Porreiro o seu "protagonismo, dignidade e calidade de vida", integrando un proxecto que segundo sentenciou representa un "auténtico sopro de aire fresco" fronte ao "continuísmo estancado" do BNG e do PSdeG-PSOE.