As números 2 e 4 da candidatura de Marea Pontevedra, Teresa Casal e Peque González achegábanse este xoves ao barrio da Moureira para anunciar que a súa agrupación política contempla a solicitude das axudas das Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) para esta zona histórica da cidade.
Tere Casal explicaba que esta contorna do Campo da Torre é o berce de Pontevedra e o punto de actividade económica na época medieval da cidade. Agora, indicaba, é necesario unha reforma de toda esta zona que foi "desfeita" durante a década dos 70 coa construción de edificios.
A número 2 da lista de Marea Pontevedra considera "de xustiza" recuperar esta contorna ao entender que se necesita devolver a calidade dos lugares históricos de Pontevedra. Co ARRU, Tere Casal cre que se rehabilitarían vivendas e poderíanse mellorar os espazos públicos, grazas á colaboración entre Concello, Xunta de Galicia e o goberno do Estado. A representante de Marea Pontevedra engadía que sería igual que cando se reformou o centro histórico ou o barrio de Estribela.
Peque González manifestaba que o barrio dos Mareantes non pode ser o cuarto traseiro da cidade e que é necesario mirar á historia de Pontevedra para ter futuro.
Denunciaba o abandono de residentes neste barrio e o peche de negocios durante os últimos 20 anos debido ao abandono en que o goberno do BNG mantivo a toda esta zona na que actualmente viven 3.800 persoas en 2.000 vivendas.
Segundo as estimacións que realiza a agrupación que encabeza Luís Rei, cun ARRU rehabilitaríanse 125 vivendas a través de axudas con mellora dos espazos públicos, actualmente abandonados.