Luisa Lores preséntase no mitin central de Podemos como a solución para "tirar do BNG cara á esquerda"

Pontevedra
22 de maio 2023

A candidata da formación violeta á Alcaldía de Pontevedra estivo arroupada no mitin celebrado este luns no patio do colexio Froébel pola secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez

Mitin de Podemos no colexio Froébel coa participación de Luísa Lores e Ángela Rodríguez Mónica Patxot

A candidatura de Podemos á Alcaldía de Pontevedra, encabezada por Luísa Lores, celebrou este luns pola tarde o seu acto central de campaña.

Foi nun mitin no que a candidata estivo arroupada polo secretario xeral de Podemos Galicia, Borja San Ramón, a representante do movemento feminista en Galicia, Andrea Obenza; e a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, a pontevedresa Ángela Rodríguez Pam.

No patio do colexio Froébel, diante de medio centenar de persoas, os tres integrantes da formación violeta pediron o voto para Mariquiña, como chaman á súa candidata no foro interno do partido, para establecer no Concello de Pontevedra políticas de esquerda. Unhas políticas que, ao seu parecer, o goberno de Lores foi incapaz de implantar ao longo dos seus 24 anos de mandato.

Cara ao BNG se dirixiron todas as críticas dos oradores que esperan entrar na corporación para "tirar do BNG e do PSOE cara a esquerda", dixo a candidata.

A primeira en tomar a palabra foi Andrea Obenza, que en poucos minutos fixo un doloroso retrato da falta de políticas de esquerda que ven desde Podemos no goberno Miguel Anxo Fernández Lores. 50 euros de gasto por persoa ao ano en servizos sociais, a conservación da "cruz falanxista" no Paseo de Montero Ríos, manter o convenio cos propietarios da praza de touros para a celebración de corridas ou o rexeitamento do Bloque no Parlamento á lei de vivenda ou á reforma laboral.

"Que respire aire limpo o que poida pagar un alugueiro no centro de Pontevedra", rematou con retranca a activista Obenza.

Antes de coller o micrófono Luisa Lores, precedeulle o secretario xeral da formación violeta en Galicia, quen criticou ao goberno da Xunta e defendeu o traballo realizado pola candidata á Alcaldía de Pontevedra.

O discurso dunha das dúas únicas mulleres a coller o bastón de mando despois do 28 de maio centrouse en criticar, principalmente, a privatización dos servizos públicos levada a cabo nos últimos anos polo goberno local. Fixo especial fincapé na concesión do servizo da auga ata o ano 2038 e na inminente adxudicación do contrato de lixos por vinte anos.

Tamén se referiu Luisa Lores ao problema da vivenda ao cuestionar a construción de novos bloques de edificios cando a cidade conta con máis de 6.000 vivendas e baixos baleiros.

Ao seu parecer, o Concello debería promover a rehabilitación e reforma de moitos destes inmobles para poñelos ao dispor da cidadanía, asociacións ou cooperativas. Unha medida que serviría para reactivar a actividade económica nos barrios, potenciar o comercio local e de proximidade, así como xerar emprego. A defensa da sanidade pública ou a creación de cociñas municipais nos centros educativos son outros dos piares que sosteñen o programa de Podemos en Pontevedra.

A encargada de pechar o mitin foi a secretaria de Estado de Igualdade. Ángela Rodríguez mostrou, na súa terra, o seu orgullo de ser pontevedresa. "Presumo todos os días en Madrid da miña cidade", asegurou. Pero ese orgullo non lle nubla a vista e é consciente das carencias que arrastra a Boa Vila.

"Hai unha cuestión fundamental na que o señor Lores ten fracasado, a xestión de politicas sociais. En 24 anos houbo un incremento do 60 % da privatizacion de todos os servizos públicos da cidade, que se traduce en cousas graves como que haxa 5.000 persoas en situacion de dependencia das que só 100 reciben o servizo de axuda no fogar. Un servizo privatizado e no que as mulleres que traballan nestas empresas están moitas veces a media xornada cobrando 7 euros á hora. Un goberno de esquerdas non o pode permitir", defende Pam.

"Tendo unha cidade na que existen 18000 persoas maiores de 65 anos, só temos unha residencia pública con 145 prazas", achega outra razón para pedir o voto para a Lores de Podemos. As diferenzas de calidade de vida entre o centro histórico, os barrios e o rural é outro dos puntos débiles do Concello segundo Podemos. 

Por todo iso, Ángela Rodríguez pide á cidadanía que nestas eleccións "reflexionemos" porque"o BNG, con 24 anos de goberno, ten amosado que hai cousas que sabe facer ben e outras que non tanto".

Neste sentido, pide a confianza dos votantes tirando de memoria e relatando os logros en materia social conseguidos por Podemos desde que están no Goberno. "A reforma laboral, revertir os recortes en dependencia, o bono social, a prevención dos desahucios ou a lei de vivenda, que vai facer cousas moi positivas en Pontevedra onde a xente nova ten problemas para arrendar un piso por un prezo razoable", rematou a secretaria.

"Vivimos nunha cidade marabillosa, que pode ser aínda mellor", concluiu.