"Lourizán merece unha compensación histórica", asegura Goyo Revenga

Pontevedra
22 de maio 2019

O candidato de Cidadáns Pontevedra cre que esta parroquia foi "a máis castigada e abandonada polos gobernos municipais"

Goyo Revenga reparte publicidade electoral de Cidadáns na rúa Virxe do Camiño Ciudadanos Pontevedra

Cidadáns Pontevedra expuxo as medidas que inclúe o seu programa para a parroquia de Lourizán.

Segundo asegura Goyo Revenga, esta parroquia "merece unha compensación histórica tras ser a máis castigada e abandonada polos gobernos municipais".

O cabeza de lista da formación laranxa comprométese a acometer a mellora da contorna urbanística, o que na práctica incluiría "o soterramento do cableado e a rede de fibra óptica".

Ademais Revenga fala de habilitar un parque infantil adaptado á diversidade funcional motora e cognitiva "que terá limpeza diaria", así como un parque biosaudable para adultos, un parque canino e unha fonte adaptada.

Doutra banda, Cidadáns tamén prevé "un cordón verde natural contraincendios ao redor das vivendas" e a reclamación á Xunta para recuperar o Pazo de Lourizán.

En canto á ampliación da depuradora, Goyo Revenga insistiu en que a solución non se atopa na ampliación e si en "poñer a tecnoloxía que fai falta".

Do mesmo xeito que noutras parroquias pontevedresas, a lista de propostas para Lourizán complétase coa rebaixa do IBI, a creación dunha oficina municipal itinerante que permita realizar trámites administrativos desde esta zona e a realización dunha auditoría sobre a iluminación ou rede de sumidoiros "para acometer as melloras que sexan necesarias".