Lores reclama colaboración entre institucións para mellorar a rede viaria de Pontevedra

Pontevedra
15 de maio 2023

O candidato nacionalista presentou este luns a súa nova estratexia de mobilidade que inclúe 16 proxectos encamiñados a potenciar a mobilidade peonil, acougar o tráfico e reducir o paso de vehículos polo centro da cidade

O candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presenta a súa nova estratexia de infraestruturas Mónica Patxot

O candidato á Alcaldía de Pontevedra polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este luns, acompañado por boa parte do seu equipo de traballo e do parlamentario nacionalista Luís Bará, a nova estratexia de mobilidade que pasa por mellorar a rede viaria das parroquias máis próximas ao centro da cidade.

O encargado de presentar o acto e avanzar parte do contido desta nova estratexia foi Luís Bará. O deputado do BNG no Parlamento Galego defendeu que cando o "BNG fala de infraestruturas, non pensamos en tráfico e en coches". Unha declaración de intencións na que profundou o rexedor para explicar que o seu proxecto pasa por estender o modelo urbano ás vías de titularidade autonómica e estatal con medidas de acougado de tráfico, redución de carrís e de tráficos, así como o impulso de novas estradas como a circunvalación ou a variante de Alba que aliviaría o elevado fluxo de tráfico pesado por algunhas rúas do centro pontevedrés.

"A Xunta está nun modelo de mobilidade obsoleto", criticou Bará antes de dar paso a Lores e deixar claro que "Pontevedra quere trasladar o seu modelo de mobilidade a toda Galicia". 

Diante dun panel co mapa viario de Pontevedra no que figuran os proxectos de redes de comunicación que o BNG quere executar, compareceu o alcalde Fernández Lores. Tras lembrar brevemente a súa época vivindo na Caeira, entre os anos 80 e 90, na que o nacionalista cruzaba a diario a ponte da Barca, deuse conta de que "Pontevedra era unha cidade gris e pechada".

Unha situación que Lores tratou de transformar nada máis chegar á Alcaldía a través de acordos con todas as Administracións implicadas. "A conectividade ten que ser parte importante do traballo dun alcalde", sostén o mandatario. Así, botou a vista atrás, ao ano 2004 cando asinou acordos con todas as Administacións para mellorar a rede viaria da cidade. "Algunhas cumpriron, outras van máis lentas", dixo antes de enumerar unha serie de melloras como a construción da Ponte das Correntes, da Ponte das Palabras, a reforma do nó do Pino ou a Rolda Leste.

Con todo, a cidade aínda ten moitas materias pendentes no ámbito da mobilidade e as infraestruturas. Por iso, desde o BNG presentan unha estratexia con 16 proxectos que, para facerse realidade, deben contar coa colaboración do resto de institucións. Ben porque se trata de actuacións en vías de titularidade autonómica, provincial ou estatal; ou ben para colaborar no financiamento das mesmas. "Pontevedra é a única capital de provincia sen circunvalación, levamos seis anos de obras para construír 8 quilómetros do primeiro tramo, os outros dous tramos están parados", protestou o candidato. 

"Non é pouco o que falta por facer", sinalou Lores antes de enumerar algúns dos seus obxectivos para o próximo mandato. Completar a construción da Autovía A-57 e executar dunha vez por todas a construción da Variante de Alba serviría para aliviar a densidade do tráfico pesado que circula a diario polo Paseo de Domingo Fontán, a contorna do campus e o nó de bombeiros. 

Implantar medidas de acougado de tráfico na N-541, a N-550, a PO-223, PO-531, a PO-532 ou a PO-542. Estradas, todas elas, que atravesan parroquias como Alba, Lérez, Cerponzóns, Salcedo, Mourente ou Marcón. Tamén propoñen actuacións deste tipo na subida a Montecelo desde Monte Porreiro ou nas estradas provinciais de Figueirido ou Tomeza. 

Completar o paseo peonil a Marín, construír o novo vial de Mollabao e transformar o nó de bombeiros son os outros rtes proxectos desta nova axenda de infraestruturas. 

Con todo, ningunha destas obras poderá facerse realidade sen a colaboración institucional. "Queremos que todas as administracións asuman os seus deberes con Pontevedra", declarou Lores tendendo unha man á colaboración. Con todo, as obras deberán executarse dacordo cos "estándares das estradas municipais", advirte o rexedor ofrecéndose a asumir a titularidade dalgunhas das estradas do rural pontevedrés para expandir o modelo urbano ás parroquias.