Lores presenta as noventa medidas que porá en marcha durante os primeiros 100 días de goberno

Pontevedra
20 de maio 2015

Fernández Lores explicou que a experiencia previa do BNG noutros mandatos demostra que estes primeiros días estaban "sempre condicionados" pola correlación de forzas na corporación, o que provocaba "longas negociacións" e impedía empezar a traballar co "ritmo necesario". Por iso, os nacionalistas márcanse o obxectivo de impoñerse unha "intensa serie de tarefas" para impulsar ou completar antes do próximo 21 de setembro

Miguel Anxo Fernández presentando as medidas para os primeiros cen días de goberno Cristina Saiz

Miguel Anxo Fernández Lores non quere desperdiciar nin un día de traballo se, despois do próximo 24 de maio, os pontevedreses renovan a confianza na súa xestión. "Se temos maioría suficiente, iniciaremos o mandato como foguetes", avanzou o candidato do BNG durante a presentación das noventa medidas que se comprometen a adoptar nos primeiros cen días de goberno.

Fernández Lores explicou que a experiencia previa do BNG noutros mandatos demostra que estes primeiros días estaban "sempre condicionados" pola correlación de forzas na corporación, o que provocaba "longas negociacións" e impedía empezar a traballar co "ritmo necesario". Por iso, os nacionalistas márcanse o obxectivo de impoñerse unha "intensa serie de tarefas" para impulsar ou completar antes do próximo 21 de setembro.

Con estas medidas, segundo o candidato nacionalista, Pontevedra prepararase para dar un "salto adiante" na prestación de servizos e na calidade de vida urbana e rural, estendendo o modelo de cidade a barrios e parroquias. Ademais, tratarán de "darlle máis importancia" á promoción da cidade, recuperar e poñer en valor o patrimonio histórico en todo o municipio, aumentar a participación social ou incrementar as políticas de benestar social.

Estas propostas "non substitúen" ao programa, segundo Lores, que sinalou que "todas elas" están destinadas a impulsar a actividade económica en Pontevedra.

Para estes primeiros cen días, o BNG propón, entre outras cuestións, iniciar as obras diante do Hospital Provincial, elaborar un Plan de Mellora da Calidade Urbana para priorizar as actuacións -consultado e participado polos veciños- a realizar durante o mandato, encargar os proxectos para a cuberta do tren en Joaquín Costa e Médico Ballina ou tramitar a licitación da zona verde de Pasarón e do acceso a Monte Porreiro polos Campos.

Ademais, vinte e catro destas medidas están relacionadas con actuacións relacionadas coa mobilidade e a calidade de vida nas parroquias do rural. O BNG tamén apostará por encargar os proxectos para a construción de novos campos de fútbol de herba sintética e do Centro Lúdico da Parda, licitar a xestión das piscinas de Campolongo, impulsar a rede de voluntariado municipal ou converter a Casa Azul nun centro sociocomunitario.

Impulsar a sede electrónica no Concello, fortalecer os Consellos Parroquiais, elaborar o prego para a licitación da planta de compostaxe, encargar a redacción do proxecto do parque forestal da Fracha, estender os camiños escolares a novos centros, impulsar o transporte público a demanda ou elaborar un documento estratéxico para a promoción de Pontevedra forman parte tamén destas primeiras medidas de goberno.

Todas estas propostas pódense consultar na páxina web www.lores2015.gal.