Lores cualifica a "enorme e sorprendente coincidencia de discurso" entre o PSOE e o PP como unha "pinza destructiva"

Pontevedra
23 de maio 2023

"Cando falan diferéncianse pola voz, pero cando poñen as cousas por escrito a maioría das veces resulta imposible distinguilos", afirmou o candidato nacionalista

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a "enorme e sorprendente coincidencia de discurso" entre as outras candidaturas que concorren a estas eleccións municipais "especialmente entre o PSOE e o PP".

"Cando falan diferéncianse pola voz, pero cando poñen as cousas por escrito a maioría das veces resulta imposible distinguilos", afirmou o candidato nacionalista.

Lores sinalou cuestións como a apertura ao tráfico da rúa Raíña Vitoria, as mensaxes "contra os lombos ou redutores que tantas vidas salvaron", tamén falar de "Pontevedra cidade do paro" ou de "cidade dormitorio" contra "as evidencias dos datos oficiais" que, segundo dixo, demostran todo o contrario. Ou que "todos estes señores estén empeñados en que se faga un novo PXOM que vai restrinxir a edificabilidade".

Ademais engadiu entre as mensaxes nos que, segundo Lores, coinciden os seus adversarios políticos os de: "Lores está canso, modelo esgotado, apoio a continuidade de Ence", e outras ideas máis. 

"E unha obsesión contra Lores e o modelo Pontevedra", recalcou o candidato do BNG que entende eses "discursos intercambiables" como unha "pinza destrutiva".

"Hai moita xente que atopo pola rúa e que está espantada con esas coincidencias", dixo Lores que tamén comentou que o "ambiente" que percibe tanto nos actos como nas reparticións de propaganda "resulta moi positivo, hai unha receptividade moi elevada. Foi o mellor ambiente que eu atopei nunca" polo que entende que o proxecto que presenta o Bloque "xenera ilusión" entre a cidadanía.

Ademais dese "apoio, ilusión e mesmo entusiasmo" que, segundo o candidato do BNG, transmítelle a xente na rúa, tamén detecta certa "preocupación" e mesmo asegura que algunha persoa chegou a dicirlle "espero que no ganen los míos porque lo estáis haciendo bien y supondría una vuelta atrás".

Neste sentido, Lores reiterou o seu chamamento a "os que lle queren a Pontevedra" para que este domingo 28 de maio voten "polo que sintan e voten e polo que eles consideran que é mellor para Pontevedra máis alá de ideoloxías, afinidades políticas ou persoais".

No BNG están moi satisfeitos da asistencia aos actos que convocaron ata o de agora "máis que na anterior campaña do 2019".

Lores resaltou en positivo que nesta campaña "ninguén utilizou medios que deterioran o mobiliario urbano, nin tampouco pancartas ni panfletos anónimos" e como broma quixo "agradecer ao Partido Popular que non nos afume coa fragoneta como nos afumaba o ano pasado".