Lores avanza a promotores culturais que impulsarán a Pontevedra como "centro do deseño e a creatividade"

Pontevedra
21 de maio 2015

O sector das industrias culturais é, xunto co turismo de "alta calidade", o que máis futuro ten na cidade, segundo o candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores. Por iso, os nacionalistas xuntaron este xoves no Casino Mercantil a unha representación dos promotores da cidade para avanzarlles que "van a ser apoiados polo Concello" para promocionar a cidade de Pontevedra como un referente cultural en Galicia

Xuntanza de Miguel Anxo Fernández Lores con promotores culturais da cidade Mónica Patxot

O sector das industrias culturais é, xunto co turismo de "alta calidade", o que máis futuro ten na cidade, segundo o candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores. Por iso, os nacionalistas xuntaron este xoves no Casino Mercantil a unha representación dos promotores da cidade para avanzarlles que "van a ser apoiados polo Concello" para promocionar a cidade de Pontevedra como un referente cultural en Galicia.

En concreto, Fernández Lores asegurou que o BNG quere impulsar a Pontevedra como un "centro do deseño e a creatividade", que terá como eixe o viveiro de empresas que impulsan a Universidade, o INCYDE e a Zona Franca de Vigo -agora freado por problemas de financiamento, recoñeceu, pero que agardan desbloquear en próximos meses-. Acollerá emprendedores relacionados con Belas Artes, Deseño e Moda, Publicidade ou Comunicación Audiovisual.

Todo o "gran potencial" de Pontevedra no ámbito da cultura, das artes escénicas, das festas, da produción audiovisual ou das editoriais ten, destacou Lores, un "longo percorrido" e recordou que todas estas empresas e colectivos "xeran moita actividade económica e crea postos de traballo", polo que asegurou "temos que coidar deles".

Ademais, o candidato do BNG adiantou que, en canto aos grandes eventos culturais que acolle Pontevedra ao longo de todo ano -citou expresamente os casos do Salón do Libro, o Festival de Jazz ou o Culturgal-, traballarase para ampliar a súa proxección internacional.

Fernández Lores tamén sinalou que a aula de teatro municipal, as bandas de música de Pontevedra ou Salcedo, o conservatorio, o Seminario de Jazz ou o Local de Música son só algúns dos exemplos do "gran traballo" que se fai na cidade neste ámbito cultural.