Lores aposta por completar a rede de instalacións para que Pontevedra siga sendo unha referencia no deporte

Pontevedra
22 de maio 2023

O candidato á alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reuniuse este luns con representantes de clubs deportivos da cidade para presentarlles a súa programación de futuro

Xuntanza de Miguel Anxo Fernández Lores con clubes deportivos da cidade Mónica Patxot

O candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este lunes un encontro con clubs deportivos da cidade no Pazo da Cultura acompañado das súas compañeiras de candidatura Eva Vilaverde e Anabel Gulías.

Na reunión presentoulles os proxectos e iniciativas que o BNG promoverá no ámbito do deporte no vindeiro mandato.

Lores lembroulles que Pontevedra "é un fervedoiro de deporte", tanto entendido como actividade física, como de deporte base, actividade deportiva arredor dos clubs nas diferentes modalidades, así como o deporte entendido como elemento de promoción económica e turística a través das grandes citas deportivas.

"Pontevedra é a cidade do deporte de Galicia", indicou Fernández Lores que recordou que dispón de instalacións que o permiten como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, as facultades da Actividade Física e do deporte e de Fisioterapia, e o propio modelo de cidade que convida a facer deporte e actividade física a diario.

Recordou que nestes últimos anos o Concello fixo campos de herba sintética, reformou o Pavillón Multiusos da Xunqueira, o Municipal e habilitou o Pavillón da ONCE.

De todos os xeitos, recoñeceu que "somos conscientes de que son necesarias máis instalacións deportivas para seguir sendo un referente en campionatos, especialmente internacionais, ademais de que hai deportes que precisan espazos específicos de adestramento e competición".

A creación do gran pavillón da Parda, xunto coa reforma do da Xunqueira II e o de Monte Porreiro para o tenis de mesa, son algúns dos proxectos deportivos que quere impulsar o BNG.