Iván Puentes, sobre a campaña de Lores: "Cando non tes nada novo que ofrecer, vendes medo"

Pontevedra
21 de maio 2023

O alcaldable do PSOE está convencido de que estamos ante unhas eleccións municipais que "son probablemente as máis abertas e menos previsibles que tivo Pontevedra nos últimos 15 anos". "Haberá cambios e baile de concelleiros na Corporación municipal. Vai mover o taboleiro", sinalou  

Mitin de Iván Puentes, Marcos Rey e Maica Larriba en Xeve PSdeG-PSOE de Pontevedra

O candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra para as eleccións municipais, Iván Puentes, respondeu este domingo nun mitin en Santa María de Xeve a parte dos contidos da campaña do BNG nestes últimos días, nos que considera que o alcaldable nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, "non deixa de repetir a letanía de que o modelo de Pontevedra está en perigo, de que hai inimigos por todas partes e que estes son moi poderosos...".

Para Iván Puentes tratase duna campaña "do medo" e habitualmente este tipo de mensaxes son "o primeiro síntoma do esgotamento dun proxecto político". "Cando non tes nada novo que ofrecer e non podes vender ilusión e futuro, vendes medo", valorou.

Durante o mitin, Puentes puxo en valor a capacidade de xestión dos socialistas no Goberno municipa  durante os últimos catro anos como socios do BNG e sinalou que os seus catro concelleiros asumiron áreas que "eles denostaban cando as solicitamos" e que ao final "amosaron o que somos capaces de facer". 

Para o alcaldable do PSOE, isto pon de manifesto "que os socialistas sabemos xestionar a cidade" e tamén que aínda que "a época do cemento estivo moi ben, no 2023 os concellos actuais son moito máis que cemento: sobre todo son verde, calidade de vida e dereitos das persoas, e iso é precisamente tamén o noso proxecto para o rural". 

Tamén quixo responder Puentes ás declaracións realizadas nos últimos días por Lores sobre a non necesidade de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación (PXOM). "É escandaloso que un político de esquerdas diga que Pontevedra se goberna mellor sen PXOM: É como dicir que un vive mellor sen leis que con leis", sinalou.

No mitin estivo arroupado pola secretaria xeral da agrupación socialista de Pontevedra, Maica Larriba, e o número 5 da candidatura e actual concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e amosouse convencido de que estamos ante unhas eleccións municipais que "son probablemente as máis abertas e menos previsibles que tivo Pontevedra nos últimos 15 anos".

Ao seu xeito de entender, todas as enquisas e todo o que poden palpar na rúa falando cos veciños e veciñas detectan que "o BNG está caendo e que é necesario darlle un cambio a este Concello, que o PP se atopa estancado e que o PSOE non para de medrar".

Ademais, asegura que a unha semana das eleccións, hai moita xente que aínda non ten decidido a quen vai votar, sobre todo xente que lle votou a Lores no pasado e que hoxe está dubidando que facer. "Estamos nun escenario aberto e que ninguén vos convenza de que isto está decidido e que nada se vai mover: haberá cambios e baile de concelleiros na Corporación municipal. Vaise mover o taboleiro", sinalou.

PROTAGONISMO DA MOCIDADE

Iván Puentes tamén participou este domingo nun encontro na praza da Peregrina con membros das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG). Nun escenario no que, ademais dunha mesa informativa, foron instaladas unha canastra, unha pelota e unha urna, a campaña 'Bota polo teu concello' das XSG pretendía trasladar aos pontevedreses a idea de que "a política non é só seriedade, senón tamén diversión, inclusión e participación".

O candidato á Alcaldía fixo un chamamento á mocidade a participar na política independentemente da súa ideoloxía: "É preciso que a xente moza se implique e que saiba que a política é o único xeito de resolver e de darlle resposta ás necesidades da súa vida”, sinalou.