Histórico ascenso do Cisne a Asobal e unha infinidade de competicións suspendidas no ano da covid-19

Pontevedra
30 de decembro 2021

O ano 2020 estivo marcado pola pandemia, que obrigou a suspender de forma abrupta todas as ligas e a cancelar decenas de competicións. Foi en Pontevedra onde se celebrou o Campionato de España de Tríatlon Sprint, o primeiro evento de ámbito nacional celebrado durante a crise sanitaria

Categoría elite masculina do Campionato de España Sprint de Tríatlon

O curso dos principais clubs e deportistas de Pontevedra e os seus arredores estivo irremediablemente marcado pola pandemia da covid-19. Aínda que as competicións víronse suspendidas de forma abrupta e o inicio da nova tempada estivo repleto de incógnitas, o 2020 permitiu celebrar un histórico ascenso do Cisne a Asobal, levou ao Poio Pescamar á final da Copa da Raíña e afianzou á cidade do Lérez como capital do tríatlon nacional.

Ademais, Teucro e Arxil lograron a permanencia nas súas categorías, mentres que o Peixe Galego volveu caer aos infernos do baloncesto autonómico despois dunha nova aventura en LEB Oro,que concluíu de forma prematura pola pandemia sen descensos, pero os de Marín non puideron cumprir cos requisitos para volver inscribirse na antesala da ACB e deben comezar outra vez desde liga EBA.

No plano individual, a gran triunfadora dun 2020 tan atípico, hai que lembrar que a cita olímpica de Tokio foi aprazada ao 2021, foi Támara Echegoyen. A regatista pontedresa proclamouse campioa do mundo xunto á súa compañeira Paula Barceló na clase 49 er FX, que lles serviu para asgurarse o billete aos próximos Xogos Olímpicos. Ademais o Club Bádminton Ravachol de Pontevedra logrou o ascenso á máxima categoría estatal, na que o Tenis de Mesa Monte Porreiro volveu conseguir a permanencia con solvencia.

No mes de marzo, o estalido da pandemia e o decreto do estado de alarma obrigou a deter todas as competicións. Moitas non volverían renovarse, foi o caso do balonmán. O parón colleu ao Cisne no máis alto da táboa clasificatoria e no medio dun camiño imparable ata o ascenso.

Foron semanas de incerteza con especulacións sobre anular a competición, retomala ou dala por finalizada. Finalmente, no mes de maio, dous meses despois do último partido, a Federación Española de Balonmán facía oficial o ascenso dos brancos á liga Asobal por primeira vez na súa historia.

O éxito tivo que ser celebrado en diferido e, por suposto, sen abrazos nin multitudes. Ademais, aínda que o plantel segue sendo practicamente a mesma que logrou semellante fazaña, o club tivo que dobrar o seu orzamento e mudarse ao Pavillón Municipal para poder facer realidade o soño do ascenso.

Menos relevante foi o logro do outro equipo de balonmán da cidade. Afeito relacionarse coa elite do balonmán nacional, o Teucro sufriu o curso pasado para manterse na División de Honra Prata e, aínda que non estaba en postos de descenso, viuse beneficiado da decisión da federación de suspender a liga sen descensos.

O cadro azul segue sumido nunha profunda crise institucional e económica que o leva a fixarse obxectivos moito máis discretos e apostar polo talento local. Aínda así, o Teucro volveu copar portadas este verán ao ser o primeiro equipo das dúas primeiras divisións nacionais en ser adestrado por unha muller. Irene Vilaboa é a adestradora do conxunto pontevedrés. De dilatada traxectoria en bancos masculinos e femininos, a técnico asume con ilusión o reto de devolver, a longo prazo, ao Teucro á elite do balonmán español.

Tamén histórica foi a tempada do Poio Pescamar. O cadro vermello exponse cada vez obxectivos máis ambiciosos e, aínda que na tempada 2019/2020 non superaron o reto de clasificarse para a final a catro polo título de liga, si que lograron meterse na final da Copa da Raíña, que se disputou este mes de decembro. O cadro conserveiro caeu pola mínima ante o Burela, pero puideron demostrar que xa están capacitadas para loitar por títulos.

A nota negativa lévaa o Peixe Galego. O equipo marinense fixera historia por segunda vez na súa curta historia ao conseguir un ascenso meteórico desde liga EBA ata LEB Oro, o segundo chanzo do baloncesto nacional, no que xa competiran na 2016/2017.

Con todo, a categoría veulle grande e o Peixe estaba no máis baixo da táboa cando se suspendeu a liga. A Federación abriu a opción da permanencia, pero os estritos requisitos económicos e as estreiteza arcas da nave peixiña fixo inviable a renovación da licenza e os da Raña caeron, igual que no 2017, a categoría autonómica. Ademais, a entidade creou este ano a súa sección sénior feminina que milita en liga nacional.

Pero un dos fitos máis destacados do 2020 tivo a Pontevedra como protagonista. A necesidade de evitar aglomeracións de persoas para evitar contagios por coronavirus era incompatible coa organización de grandes eventos. Con todo, as diferentes federacións puxéronse ao choio para idear protocolos que permitises celebrar competicións en condicións de máxima seguridade.

A Federación Española de Tríatlon foi das primeiras en ver o seu aprobado e o lugar elixido para poñelo a proba foi a cidade do Lérez.

O primeiro gran evento de tríatlon a nivel nacional, o campionato de España Sprint, celebrouse a finais de agosto en Pontevedra con centenares de participantes de todas as idades. Para facelo posible, a capital blindouse ao tráfico rodado e peonil e creou unha burbulla ao redor do Lérez. Fernando Alarza e Anna Godoy foron os mellores dunha cita que marcou un antes e un despois no ano da covid-19 e, por se había dúbidas, reforzou a Pontevedra na súa extraordinaria capacidade para albergar e organizar competicións deportivas do máximo nivel.