Explosión multicor para dar o pistoletazo de saída á festa do tríatlon

Pontevedra
26 de abril 2019

O ITU Multisport Festival de Pontevedra é xa unha realidade. Unha cerimonia chea de cor dá paso a oito días de competición nos que a Boa Vila se converte no epicentro do tríatlon mundial

Cerimonia inaugural do ITU Multisport Festival Xan Xiadas

O ITU Multisport Festival de Pontevedra é xa unha realidade. A Boa Vila convértese durante estes días, ata o sábado 4 de maio, na capital internacional de tríatlon coa disputa de ata cinco campionatos do Mundo.

A cerimonia inaugural do campionato converteu as rúas da cidade nunha auténtica explosión multicor, na que boa parte dos case 4.000 deportistas inscritos luciron con orgullo as cores dos seus respectivos países.

Un desfile coas bandeiras e delegacións participantes, ata 54 diferentes, partiu pasadas as 17:30 horas da Praza da Ferrería para percorrer por Michelena o camiño cara á Praza de España, onde esperaban público e autoridades. Polo camiño sorrisos, cánticos e moitos aplausos dos que presenciaban a marcha.

Xa na Praza de España, a agrupación folclórica Os de Algures e o Ballet Folclórico Galego amenizaron o inicio do acto inaugural, antes dos discursos, por esta orde, do presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Federación Internacional (ITU), Marisol Casado.

A presidenta provincial, que se atreveu co inglés, mostrouse orgullosa de que Pontevedra sexa estes días "un lugar de referencia do deporte no Mundo", mentres que Alfonso Rueda cualificou as Rías Baixas como o "Hawaii galego", pola súa estreita relación co tríatlon. Pola súa banda o alcalde asegurou dirixíndose aos deportistas que "pondremos todo o noso empeño en que nunca olvidedes este Multisport".

Tras a quenda de discursos e unha breve actuación do grupo Redegaitas, a triatleta local Saleta Castro, a adestradora Alba Cuba e a xuíza Mónica Flores realizaron os xuramentos dos diferentes estamentos do tríatlon pedindo xogo limpo e deportividade a todos os participantes.

A cerimonia inaugural do ITU Multisport Festival pechouse co espectáculo de Pablo Méndez Performances, creado especialmente para a ocasión e que representaba á súa vez o inicio doutra rama do evento, o Trifest con concertos que amenizarán a estancia dos deportistas e visitantes ao longo de toda a semana.