Máis aló de novos alcaldes ou de cambios na composición dalgúns gobernos, as eleccións municipais celebradas en maio provocaron un importante cambio político na provincia. Oito anos despois, a Deputación de Pontevedra volveu a mans do PP.
Chegou á súa fin a era de Carmela Silva, que estivera todo ese tempo á fronte dun bipartito PSOE-BNG. Os tres deputados provinciais que os socialistas perderon en Vigo, Pontevedra e O Baixo Miño en favor dos conservadores, decantaron a balanza cara aos populares.
Poucos apostaran porque este cambio ía producir. Nin entre o equipo de Silva nin no propio PP. Para que Luis López puidese presidir a Deputación tiveron que dimitir dezaseis persoas. O máximo responsable do PP provincial pechaba a lista de Rodeiro como suplente.
Coa maioría absoluta asegurada, con 14 dos 27 deputados provinciais, López tomou posesión en xullo, prometendo abrir unha nova etapa e aplicar "solucións diferentes e políticas distintas", orientando a súa acción de goberno cara aos concellos.
Deixouno claro no seu novo goberno, coa viguesa Marta Fernández-Tapias e o pontevedrés Rafa Domínguez como vicepresidentes, aos que acompañaron ata sete alcaldes e alcaldesas no seu "núcleo duro", entre eles a marinense María Ramallo ou o cotobadés Jorge Cubela.
Nos seus apenas cinco meses á fronte da Deputación, o goberno de Luis López revisou case todos os programas herdados do anterior executivo provincial, do que quixo desterrar ata a imaxe corporativa instaurada por socialistas e nacionalistas.
Esta nova etapa no goberno provincial comezou con novo logotipo, en cor verde e con alusión ás pontes que "unen a provincia", e acabou, polo menos no que 2023 se refire, coa aprobación do seu primeiro orzamento que, con 189 millóns, é o máis alto da súa historia.
Durante todo este tempo foron noticia a paralización do concurso de rehabilitación de Santa Clara, o nomeamento de Ángeles Tilve como primeira directora do Museo de Pontevedra ou o regreso do acto de inicio de curso político do PP ao castelo de Soutomaior.
A cesión definitiva da Escola de Canteiros á Xunta de Galicia, un novo plan de axudas aos concellos ou a posible cesión a Sogama de todo o programa Revitaliza, unha das 'xoias da coroa' do anterior goberno, foron outros dos pasos dados ao longo destes meses.