Dobre medalla española na proba feminina do Mundial de Longa Distancia, con Saleta Castro novena

Pontevedra
04 de maio 2019

Espléndida actuación da pontevedresa Saleta Castro, que finalizou na novena posición do Mundial de Longa Distancia no que se impuxo a belga Alexandra  Tondeur

Saleta Castro no Mundial de tríatlon de longa distancia Xan Xiadas

A competición feminina do Mundial de Tríatlon de Longa Distancia deixou tamén grandes resultados para o equipo nacional e para unha deportista local, unha Saleta Castro que cumpriu os seus obxectivos de estar entre as 10 primeiras finalizando nun espléndio noveno posto.

A pontevedresa foi a cuarta española na proba, xa que Judith Corachán e Anna Noguera conseguiron de maneira brillante subir ao podio final coas medallas de prata e bronce tras a belga Alexandra Tondeur (5:48:01).

Sobre o papel presentábase un abanico amplo de favoritas na carreira, e o certo é que esa igualdade non defraudou. A natación estivo dominada pola danesa Padiola Pedersen (24:20), que avantaxou na saída da auga en 40 segundos ás súas perseguidoras. A primeira a suíza Emma Bilham pero coa española Anna Noguera ao seu ronsel e tamén a figura local, Saleta Castro, cuarta ao termo do primeiro sector.

A pesar da distancia, en Cerponzóns no inicio da primeira volta ciclista, a cabeza de carreira xa se xuntou con Bilham, Pedersen e Noguera en poucos metros. A suíza sufría un problema mecánico que a atrasaba, pero sumábanse á cabeza de carreira outras aspirantes como a francesa Manon Genet, a belga Alexandra Tondeur e outra española, Judith Corachán, mentres que Saleta caía ata a novena praza aínda que dentro da súa meta.

Dúas representantes do equipo nacional como Anna Noguera e Judith Corachán mantiñan intactas as súas opcións de pelexar polo podio, aínda que cedían algo de distancia na segunda pasada ao esixente circuíto ciclista.

Ao termo dos 106 quilómetros sobre dúas rodas Pedersen lideraba a proba Manon Genet ao seu ronsel e Alexandra Tondeur terceira. Tras elas facíase un corte importante ata a chegada de Anna Noguera e Judith Corachán a máis de 4 minutos. Saleta Castro entraba no CGTD décima (+19:02) e empezaba a correr nunha gran situación.

Pedersen paraba e a francesa Genet tomaba a dianteira, con Noguera pelexando por un exitoso bronce ao que tamén aspiraba Corachán. Castro pola súa banda mantiña un bo ritmo que lle permitía situarse no oitavo lugar.

Na cabeza os quilómetros pasaron factura a Manon Genet, que non só cedeu o liderado senón que na última volta terminou perdendo a súa praza no podio en beneficio do dúo español, no que Corachán atacou para facerse co subcampionato mundial.

Neste tramo final Saleta Castro soubo sufrir para chegar a meta cun tempo de 6:08:23, novena, superada por Gurutze Frades.