Destapar o río Gafos e crear un parque lineal, proposta do PP para o barrio de Campolongo

Pontevedra
24 de abril 2015

Pontevedra "no puede seguir viviendo de espaldas a sus ríos", asegura Jacobo Moreira. Baixo esa premisa, o candidato do Partido Popular á Alcaldía presentou este venres a súa proposta para a recuperación do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. En concreto, os populares apostan por destapar a parte que actualmente está soterrada e poñela en valor coa creación dun parque lineal

Jacobo Moreira presentando a súa proposta para o río Gafos en Campolongo Mónica Patxot

Pontevedra "no puede seguir viviendo de espaldas a sus ríos", asegura Jacobo Moreira. Baixo esa premisa, o candidato do Partido Popular á Alcaldía presentou este venres a súa proposta para a recuperación do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. En concreto, os populares apostan por destapar a parte que actualmente está soterrada e poñela en valor coa creación dun parque lineal.

Moreira recordou que nos anos 70, o desmantelamento da antiga estación de tren supuxo unha reordenación urbana total no barrio e, dende entón, a cidade perdeu o tramo máis urbano do Gafos, que pasou a estar cuberto por unha gran praza pública e un paseo.

Agora, os populares propoñen realizar un estudo "minucioso" para analizar a posibilidade de afrontar esta actuación, valorada inicialmente no ámbito do millón de euros, de forma que se poida "poner en valor" os biotipos, a fauna e a flora en todo o ámbito do río en Campolongo e recuperar o Gafos "allí donde puede ser recuperable".

Para iso, apuntou haberá que falar con Augas de Galicia e coas administracións que debamos facelo e avanzou que se pode acceder a fondos europeos para financiar esta actuación.

Trátase dunha idea que, segundo Jacobo Moreira, aposta pola integración de todo este ámbito nun parque lineal que permita enriquecer esta zona do barrio como "espacio de ocio y reunión de los vecinos", ao tempo que se mellorará o valor ambiental e paisaxístico de todo este ámbito.

En principio, non se destaparía o río na súa totalidade, xa que os populares entenden que hai que mantelo soterrado nas inmediacións da escola infantil Crespo Rivas e o colexio de Campolongo. O resto, ao aire libre, contaría con carril bici ao seu lado, pontes de paso para manter a mobilidade peonil da zona e con máis bancos públicos.

A proposta, que xurdiu tras unha serie de contactos do candidato do PP con veciños do barrio, é agora ofrecida a todos os pontevedreses, destacou Moreira, para que sexa valorada "y así puedan aportar sus opiniones". Recoñece que "no sabemos cómo está el río por debajo", pero entende que se trata dunha actuación que se debe analizar e executar "solo si alcanza el consenso entre los vecinos".