Descobre cales foron as noticias máis lidas do ano en PontevedraViva

Pontevedra
30 de decembro 2023

Despídese o ano 2022 e en PontevedraViva facemos un repaso dalgunha das informacións que máis impacto causaron durante os últimos 12 meses. Algunhas delas esperadas pola súa transcendencia, pero outras que causarán sorpresa seguro entre os lectores pola súa curiosidade

Accións cidadás para rescatar un gato en Uxío Novoneyra Mónica Patxot

Despídese o ano 2022 e en PontevedraViva facemos un repaso dalgunha das informacións que máis impacto causaron durante os últimos 12 meses. Algunhas delas esperadas pola súa transcendencia, pero outras que causarán sorpresa seguro entre os lectores pola súa curiosidade.

Xa no mes de febreiro déronse algunhas das noticias máis vistas, empezando polo impactante naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova, en Canadá, un suceso que deixa algunhas das pezas que maior interese espertaron. Tamén no segundo mes do ano impactou o falecemento do coñecido como 'rei das orquestras', Lito, e colocouse entre as pezas máis lidas as declaracións do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, adiantándose á marcha do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a Madrid afirmando que o seu goberno estaba "esgotado" e que "non é certo que sexa un bo xestor".

En marzo una das noticias destacadas foi o cesamento da comisaria provincial por dicir "xa lles gustaría a algunhas que as violase un UIP", e tamén un suceso impactante, cando un home foi detido e acusado de homicidio por provocar unha colisión frontal na que morreu unha moza en Barro. Tamén suscitou gran interese o traspaso da xestión da illa de Tambo ao Concello de Poio, despois de que se asinase o acordo polo que o Ministerio de Defensa cédelle a titularidade deste territorio. 

Pegando un pequeno salto temporal ata o mes de xuño atopamos unha das historias máis curiosas do ano, a dun gato escondido no motor dun coche na rúa Uxío Novoneyra que acabou en multa.

Entrando de cheo no verán, tras dous anos afectados pola pandemia, había ganas de celebración, e así o demostra que unha das noticias máis lida foi a presentación da programación das Festas da Peregrina, que xa anunciaban ían ser "como as recordábamos", como tamén o foi o tradicional Baile da Peregrina que organiza o Liceo Casino de Pontevedra coa 'posta de longo' na que participaron 22 mozas.

Durante a época estival non faltou a preocupación por incendios como o declarado na Fracha e que arrasou 380 hectáreas de terreo entre Pontevedra e Ponte Caldelas, ou por situacións como a vivida na praia de Canelas ante as dificultades para extraer a un neno dun buraco na area.

Xa no tramo final do ano os pontevedreses seguiron con atención e angustia o dispositivo de procura habilitado para buscar a un piragüistadesaparecido no río Lérez cando adestraba, ou o incendio declarado na nave de Pontesa en Ponte Sampaio, no que resultou ferido de gravidade terminando por falecer días despois o concelleiro marinense Benito González. O lume non foi extinguido na súa totalidade ata tres semanas despois pola complexidade que supoñía a presenza de amianto nas instalacións.

Todo iso sen esquecer xa, en pleno mes de decembro, a reapertura dun local histórico da cidade como o Carabela, cunha renovación que causou gran expectación e cuxa noticia pasou rapidamente a figurar entre as máis lidas de 2022.