Deportistas de 54 países participarán en Pontevedra no ITU Multisport Festival de tríatlon

Pontevedra
08 de abril 2019

Pechada a inscrición para os campionatos do Mundo de tríatlon que se celebrarán en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio, serán preto de 4.000 os atletas que competirán na Boa Vila. Británicos e estadounidenses serán os máis numerosos xunto á delegación española

Grupos de Idade e dúatlon popular PontealDu na segunda xornada do Mundial 2014 Diego Torrado

O ITU Multisport Festival de tríatlon que se celebrará en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio será todo un éxito de participación, a teor das cifras oficiais feitas públicas pola organización unha vez pechado o prazo de inscrición.

Preto de 4.000 deportistas de ata 54 nacionalidades estarán presentes na  Boa Vila para competir nos mundiais de dúatlon, tríatlon cros, acuatlón, aquabike e de tríatlon de longa distancia, superando amplamente ás dúas edicións do Multisport celebradas previamente en Fyn (Dinamarca) e Penticton (Canadá).

Entre os países con maior presenza, ademais de España, destacan as delegacións de Gran Bretaña (927 atletas), Estados Unidos (751), Portugal (case 200 deportistas), Brasil (161) ou Australia (150).

A disciplina que congregará un maior número de deportistas é o dúatlon (1.280), coas modalidades sprint e standard, seguida polo Mundial de Tríatlon de Longa Distancia con 900 triatletas, entre elite e grupos de idade. 

Sumando as cinco disciplinas haberá 220 participantes en categoría elite, e a media de idade sitúase entre os 45 e 49 anos entre os grupos de idade, con ata 22 participantes de máis de 80 anos.

Un evento que transcenderá dos deportivo, xa que o impacto económico será tremendamente importante ao ser a previsión media de estancia dos deportistas, especialmente estranxeiros, de 3 e 4 noites.