Correndo por Pontevedra con dous mitos do tríatlon mundial

Pontevedra
19 de setembro 2023

Un cento de atletas afeccionados compartiron este martes unha carreira de adestramento pola Boa Vila con dous mitos do tríatlon mundial como Javier Gómez Noya, pentacampión mundial, e o noruegués Kristian Blummenfelt, actual ouro olímpico

Javi Gómez Noya e Kristian Blummenfelt comparten adestramento en Pontevedra con atletas afeccionados Mónica Patxot

Acoller en Pontevedra a Gran Final das Series Mundiais ofrece oportunidades únicas, como compartir un adestramento con dous mitos do tríatlon.

É o que ocorreu este martes, con ao redor dun cento de deportistas afeccionados compartindo unha sesión de 'running' ou carreira pola Boa Vila con Javier Gómez Noya, pentacampión mundial dabondo coñecido polos pontevedreses, pero tamén co noruegués Kristian Blummenfelt, actual ouro olímpico ademais de campión mundial Ironman e Ironman 70.3.

A xornada estaba organizada pola marca deportiva 'On', con saída desde a Praza da Peregrina para, nunha sesión de ao redor de media hora de actividade e 5 quilómetros de distancia, percorrer parte do circuíto deseñado para a Gran Final, pasar pola zona de transición xunto á ponte dos Tirantes e regresar ao momento de partida.

A expectación era máxima. Non faltaron fotos ou autógrafos, e tampouco a presenza de autoridades. Desde o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Deportes, Anabel Gulías, que se achegaron a saudar os deportistas, pasando polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, afeccionado ao running e que non dubidou en vestir de curto para botarse a correr á beira de Blummenfelt e Gómez Noya.

Unha demostración máis de que esta semana, máis que nunca, Pontevedra vive o tríatlon polos seus catro custados.