Confitería Solla propón caixas especiais cos seus exquisitos bombóns a granel e sorprende con galletas de San Valentín

Pontevedra
10 de febreiro 2023

Como idea para agasallar en San Valentín, en Confitería Solla apostan por un dos seus produtos máis demandados: os bombóns a granel presentados en caixas especiais para esta ocasión, e as galletas en forma de corazón que son novidade nesta campaña

Maica Solla e Jessica Gaudiza mostran algunhas propostas de Confitería Solla para regalar en San Valentín Mónica Patxot

San Valentín é a celebración por excelencia dos sentidos. Como idea para agasallar, en Confitería Solla apostan por un dos seus produtos máis demandados: os bombóns a granel presentados en caixas especiais para esta ocasión, que o propio cliente pode compoñer coas variedades exquisitas de bombóns que máis lle gusten.

Maica Solla, a propietaria da tenda e obradoiro que o seu pai fundou en 1967, coméntanos que o bombón estrela en Confitería Solla é o de licor con chocolate negro, que ademais leva un envoltorio de cor vermella. Pedímoslle máis recomendacións e fronte á ampla vitrina vai detallando as variedades máis demandadas: "os cortados de uña clásicos de sempre; tamén teñen moito éxito e a verdade é que están moi ricos, as rocas de améndoa, que poden ser con chocolate negro ou chocolate con leite; as cunchas que pola forma aos turistas gústanlles moitísimo e son aromatizadas a café; ou as linguas de gato que lle encantan aos nenos e hainas de chocolate negro e chocolate con leite". 

Para que ninguén quede sen o seu agasallo, Confitería Solla tamén ofrece algunhas variedades de bombóns sen azucre, "véndense máis lentamente pero tamén teñen saída".

No escaparate da rúa Michelena, 7, de Pontevedra, entre os bombóns a granel asoman unhas orixinais caixas de chocolates con mensaxe. "Hai unhas que poñen 'felicidades' ou 'quérote', cunha presentación moi bonita e a calidade-prezo é moi boa. Son as casas coas que adoitamos traballar todo o ano", explica Maica Solla.

Outra das referencias que en Confitería Solla chegou para quedar son os Licores Berrimes, elaborados de forma tradicional e artesá no lugar do mesmo nome pertencente ao concello de Lousame que, como nos asegura Maica, "cremos encaixan moi ben co estilo da nosa tenda e co produto que vendemos". Estas variedades son a de augardente de herbas, augardente branca, licor-café e queimada. "Na botella vén o licor e todos os ingredientes da queimada, o café, a monda de laranxa... ten todo, e só tes que botalo no recipiente axeitado, préndeslle lume e xa".

Este ano compraron algunhas botellas de Moët & Chandon cun packaging especial para regalar: unha caixa de lata cun deseño que conserva a esencia da marca e leva inscrita a frase 'Quérote'. "Este espumoso é algo que marida moi ben co doce e cremos que é un acompañamento moi bonito para unha caixa de bombóns ou para levala soa", afirma Maica Solla. 

Outra das sorpresas que se vai a atopar o cliente que se achegue a Confitería Solla son as galletas decoradas en forma de corazón, que son novidade para esta campaña de San Valentín e seguro que serán un éxito porque conservan a receita tradicional das galletas de manteiga. "Ingredientes o máis naturais posibles, conservantes non usamos ningún e colorantes sempre produtos naturais, como o amorodo, por exemplo". No obradoiro, o mestre pasteleiro José Manuel Nogueira encárgase da súa elaboración, que entre mestura, amasado, moldeado, forno e decoración final alcanza as tres horas para cada quenda.