Cara e cruz para os representantes españois elite no Mundial de tríatlon cros

Pontevedra
30 de abril 2019

O malagueño Rubén Ruzafa, que defendía título, conseguiu unha sufrida medalla de prata na competición elite masculina, a segunda do equipo nacional no ITU Multisport. A cruz foi para a catalá Laura Gómez, afastada da pelexa polas medallas por culpa dunha caída e unha picada de roda. Gran papel dos júnior

Campionato do Mundo de Tríatlon Cros en categoría elite Xan Xiadas

Alegría e decepción. As dúas caras do deporte estiveron presentes este martes no Campionato do Mundo de Tríatlon Cros, que daba continuidade ao ITU  Multisport Festival. Adoita estalo nalgún momento da competición, pero nesta ocasión foi máis visible que nunca coas primeiros espadas do equipo nacional español na proba elite.

A moeda saíu cara para Rubén Ruzafa. O malagueño defendía título en Pontevedra e a pesar de non chegar no seu mellor momento de forma, tal e como recoñeceu na xornada previa, deixouse ata o último gramo de forza para conseguir unha espléndida medalla de prata, a segunda da delegación española na categoría elite tras o segundo posto de Emilio Martín no dúatlon. Chegou de feito exhausto á liña de meta, só superado polo francés Arthur Forissier.

Ruzafa mantívose nos primeiros postos desde o sector de natación no río Lérez (1.000 metros), que daba paso a un frenético percorrido de 30 quilómetros de ciclismo BTT que chegou ata o Pontillón  do Castro antes de volver cara á Illa das Esculturas. O forte ritmo fixo que a carreira rompese e só catro triatletas chegaban destacados á última transición, antes dos 7 quilómetros de carreira a pé. Primeiro Forissier, seguido do checo Lukas Kocar, o proio Ruzafa e o estadounidense Middaugh.

O español non realizou unha boa transición, que lle fixo saír algo atrasado ante un Arthur Forissier que se mostrou intratable para levar o título mundial cun tempo de 1:48:21. Foi iso si segundo na liña de meta (1:48:54) superando no esforzo final a Lukas Locar por menos de 10 segundos (1:49:05).

Pero se Rubén Ruzafa foi a cara, Laura Gómez foi a cruz deixando unha das imaxes da xornada ao chegar desconsolada á liña de meta. A catalá, actual subcampioa europea, aspiraba a todo en Pontevedra, e con esa intención partiu e competiu ata que unha caída no sector ciclista, cando no grupo de cabeza de carreira, e logo unha picada de roda, deixouna sen opcións de medalla, ao perder moito tempo e forzas con respecto ao resto de favoritas.

O triunfo final foi para a italiana  Eleonora  Peroncini tras 2 horas, 10 minutos e 17 segundos de titánico esforzo, superando con marxe ás británicas  Jacqueline  Slack (2:11:20) e  Nicole  Walters (2:12:14), que completaron o podio. Finalmente Laura Gómez entrou no 14º posto a máis de 7 minutos da vencedora.

Cuarta foi pola súa banda a triunfadora na categoría Sub-23, a suíza Loanne Duvoisin, completando o podio a ucraína  Sofiya Pryyma e a italiana Marta Menditto, mentres que o francés Maxim Chane proclamouse campión mundial Sub-23 nesta modalidade por diante do surafricano Ruan Van Zyl e do holandés Victor  Goené, co coruñés Alberto Castiñeira undécimo.

TRIPLA MEDALLA NA CATEGORÍA JÚNIOR

A xornada deste martes, centrada na zona da ponte dos Tirantes, inaugurárona ás 13:30 horas os deportistas júnior, categoría na que a Selección Española tivo un papel destacado. Non conseguiron ningún ouro, pero si subiron ata en tres ocasiones ao podio.

Na competición masculina o vencedor foi o danés Óscar Gladney, seguido de preto polos españois Nacho Gálvez e Manuel Menéndez para facerse respectivamente coa prata e o bronce.

Ademais na categoría feminina Beatriz Medrano conseguiu tamén subir ao terceiro chanzo do podio nunha carreira gañada pola holandesa Willemijn Fuite e coa australiana Zoe Davison no segundo lugar.