Candidatos na Internet: Pilar Dopazo

Pontevedra
22 de maio 2015

Di o refraneiro popular que “os últimos serán os primeiros”. Non sabemos se isto se aplicará nesta ocasión. O único que si coñecemos é que esta é a derradeira entrega desta serie de artigos nos que analizamos a presenza na rede dos partidos e candidatos ao Concello de Pontevedra. Hoxe nos poñemos o traxe verde e analizamos a presenza de Pilar Dopazo coa súa candidatura polo partido Compromiso por Galicia

Pilar Dopazo, candidata de Compromiso por Galicia Daniel Santomé

Di o refraneiro popular que “os últimos serán os primeiros”. Non sabemos se isto se aplicará nesta ocasión. O único que si coñecemos é que esta é a derradeira entrega desta serie de artigos nos que analizamos a presenza na rede dos partidos e candidatos ao Concello de Pontevedra. Hoxe nos poñemos o traxe verde e analizamos a presenza de Pilar Dopazo coa súa candidatura polo partido Compromiso por Galicia.

Como partido, Compromiso por Galicia decidiu unificar tódalas súas candidaturas nun único sitio web. Esta estratexia, xa comentada noutras análises, non é de todo correcta para unha cidade como Pontevedra, xa que lle resta importancia ao igualala a poboacións con moitos menos habitantes e, por ende, menos importancia electoral. Máis aínda se nos atopamos cunha estrutura coa web de Compromiso, a cal para chegar á candidatura de Pontevedra fai realizar varios clics e navegacións que conseguen que o usuario se perda polo camiño.

No canto a contido e accesibilidade, a sección da candidatura de Pontevedra dentro do web de Compromiso é correcta. Cumpre cos estándares de deseño e accesibilidade, tendo unicamente 3 erros, todo un récord se miramos outros sitios web de partidos locais. Analizando a información dispoñíbel, é escasa pero efectiva, limitándose unicamente á lista da candidatura, o cartaz, o programa electoral e un documento cos puntos claves do mesmo. Aínda que podería ter moita máis información, a que hai é correcta e está ao alcance de todo o mundo.

Por ser só unha simple sección dentro do web xeral de Compromiso por Galicia, bótase de menos tamén unha sección de noticias, así como unha axenda e máis información da lista da candidatura, sobre todo do equipo que acompaña a Pilar Dopazo.

REDES SOCIAIS

A presenza en redes sociais de Compromiso por Galicia Pontevedra é ampla. Por un lado, ten dous usuarios de Twitter (un para a candidata e outro para o partido), e en Facebook dispoñen dun perfil privado para a candidata e unha páxina do partido centrado na candidatura.

Comezando por Facebook, observamos unha interesante estratexia. Aínda que o perfil da candidata é privado, esta realiza actualizacións públicas, polo que se queremos saber dos seus movementos, podemos facelo sen problemas. Aínda así, pérdese a interacción que daría unha páxina adicada á candidata, polo que é unha pega neste sentido. Na contra está a páxina do partido dedicada á candidatura, a cal está completa e cumpre a súa función á perfección.

No canto dos contidos do perfil e a páxina, as súas publicacións son moi adecuadas. O contido publicado por unha e outra difiren o suficiente para que non saturen, e utilizan moi ben as actualizacións, compartindo contido que é de interese para os posibles votantes e para promover a súa candidatura. Destacar que a número un é a única número un que responde aos comentarios na rede, algo que nos sorprendeu de maneira moi grata.

As contas de Twitter da candidatura de Compromiso por Galicia Pontevedra tamén sacan boa nota. Por un lado, o contido de ámbolos usuarios é de calidade, diferenciándose entre eles e, tamén, do publicado en Facebook. Ademais, a candidata publicar as súas propias mensaxes, afastándose en moitas ocasións dese discurso perfectamente estudado que se soe deseñar no partido. Isto lle aporta naturalidade e frescura, algo do que carecen o resto dos políticos coa súa presenza nas redes.

Como punto negativo, é desconcertante ver como a conta do partido realiza retweets de eventos e informacións doutras localidades, coma se ao votante pontevedrés lle tivera que interesar o que fai Compromiso en, por por un exemplo, Redondela. Por suposto, este tipo de contido sería adecuado noutra época, pero ao estar nun momento de eleccións, o correcto é centrar as comunicacións no local, para ser o máis efectivo posible.

En definitiva, a presenza na rede de Compromiso por Galicia Pontevedra é boa. Pese a que coxea bastante no tema do sitio web, a súa estratexia en redes socias fai que suba a nota xeral de toda a presenza do partido.