En Pontevedra, politicamente falando, este ano 2015 será lembrado polo histórico cambio que experimentou a Deputación.
Gobernada polo Partido Popular desde 1983 -e por Rafael Louzán os últimos doce anos-, as eleccións locais do pasado mes de maio deixaron un novo escenario político e o PSdeG-PSOE, apoiado polo BNG, logrou situar a un dos seus á fronte da institución provincial.
E foi unha muller, a viguesa Carmela Silva, a elixida para romper tamén outra barreira. Ningunha muller presidira antes a deputación pontevedresa. Tras unhas longas negociacións cos nacionalistas, foi investida como presidenta nun Pleno que se celebrou o 17 de xullo. "The times they are a-changing", proclamou citando a Bob Dylan en referencia a este cambio histórico.
PSdeG-PSOE e BNG, mediante este pacto de goberno, decidiron repartirse as competencias e César Mosquera, un dos homes fortes de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra, converteuse en vicepresidente.
Desde entón, uns e outros repiten cada vez que poden que, desde a súa chegada, produciuse "un cambio radical" na xestión da institución pontevedresa "abrindo xanelas e portas".
Pola súa banda, Rafael Louzán tan só permaneceu un par de meses como deputado provincial. Tras perder a Deputación, renunciou á súa acta para centrarse nunha actividade que tamén estreou este ano, a de presidente da Federación Galega de Fútbol.