Cal é a postura dos partidos políticos ante a continuidade das touradas?

Pontevedra
20 de maio 2015

O colectivo Touradas fóra de Pontevedra reuniuse nos últimos meses cos partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais do 24-M e, a uns días das votacións, solictan a todas as candidaturas o seu compromiso coas súas reivindicacións no futuro mandato no Concello, todo enfocado a "construír unha Pontevedra máis democrática e máis respectuosa cos animais"

Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra' PontevedraViva

O colectivo Touradas fóra de Pontevedra reuniuse nos últimos meses cos partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais do 24-M e, a uns días das votacións, solictan a todas as candidaturas o seu compromiso coas súas reivindicacións no futuro mandato no Concello, todo enfocado a "construír unha Pontevedra máis democrática e máis respectuosa cos animais".

"Agardamos que os acordos non fiquen en papel mollado", sinalan dende o colectivo. Como balance deses encontros, valóranos positivamente en tanto que lles permitiron "expor as demandas de xeito claro e directo" e porque lograron que as súas reivindicacións collan peso tanto na sociedade coma nos programas das formacións políticas.

Conseguiron reunirse co PSdG-PSOE, BNG, Tod@s por Pontevedra, Marea Pontevedra, PP e Ciudadanos, falaron por whatsapp con Compromiso por Galicia e non respondeu á súa petición os integrantes de UPyD. Sinalan que todas as reunións estiveron "marcadas pola cordialidade e a boa disposición".

As súas reivindicacións teñen dous eixos ben definidos: as touradas e os circos con animals. En relación cos circos con animais, Tod@s por Pontevedra, PSdG-PSOE, BNG, Marea Pontevedra e Ciudadanos (C's) comprometéronse a traballar pola súa erradicación na cidade, mentres que o PP non se posicionou por non telo estudado. Compromiso por Galicia explicou por whatsapp que apoiarán os circos con animais sempre que non sexan subvencionados con diñeiro público.

En relación coas touradas, o PP manifestou o seu incondicional apoio á feira taurina por ser unha das principais fontes de ingresos da cidade; o PSdG-PSOE non se posicionou contra as touradas máis si se comprometou a traballar para deixar de subvencionalas con cartos públicos; Tod@s por Pontevedra e Ciudadanos optan tamén por permitir as touradas; Marea Pontevedra manifestou a súa oposición;  e Compromiso por Galicia permitirá as touradas, pero non apoiarán subvencionalos con cartos públicos.

O BNG, partido con competencias no goberno, transmitiulles que se o partido consegue a maioría na Deputación Provincial suprimirá a axuda económica directa ás touradas. En relación co polémico convenio anual que firman coa empresa propietaria da praza de touros pontevedresa, manifestaron o seu compromiso para revisalo e buscar alternativas ás actividades alí desenvolvidas e así ir mermandoo ata que desapareza.