Besteiro quere impulsar o "despegue definitivo" da innovación e a tecnoloxía en Galicia

Pontevedra
08 de febreiro 2024

Foi durante unha visita a unha empresa de realidade estendida, onde probou persoalmente a realidade virtual. Alí presentou a súa estratexia para apoiar ás startups e levar a transformación dixital aos sectores máis tradicionais da economía galega

Gómez Besteiro proba os sistemas de realidade virtual PSdeG-PSOE

Galicia debe aproveitar as súas potencialidades e preparar o "despegue definitivo" da innovación e a tecnoloxía no seu tecido empresarial. Así o subliñou este xoves o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro.

Foi durante unha visita a unha empresa de realidade estendida, onde probou persoalmente a realidade virtual. Alí presentou a súa estratexia para apoiar ás startups e levar a transformación dixital aos sectores máis tradicionais da economía galega

Así, Gómez Besteiro salientou a súa aposta por potenciar e multiplicar os centros de innovación e tecnoloxía en colaboración coas universidades galegas, a empresa privada e os organismos públicos para crear un "entorno fértil" para os proxectos de I+D+i. 

O líder socialista sostén que Galicia ten "potencialidade abondo" para crear un ecosistema emprendedor tecnolóxico que permita aproveitar a experiencia adquirida ata o momento "e demostrando que outro modelo económico é posible a partir da tecnoloxía e a innovación".

Dentro desta estratexia galega para a innovación, Besteiro defendeu a necesidade de reforzar a formación e capacitación en TIC ou impulsar un plan plurianual de incentivos para a I+D+i e un programa de incentivos económicos e mentorización para startups e pequenas empresas.

Ademais, o socialista asegurou que un futuro goberno encabezado polo PSdeG contará cunha consellería integrada de Universidades, Ciencia e Innovación, así como unha axencia que agrupe os investimentos en innovación e promoción económica.

Comprometeuse tamén a aprobar unha nova lei de ciencia, tecnoloxía e innovación no primeiro ano de mandato, co compromiso de incrementar o investimento en I+D.

Gómez Besteiro tamén aproveitou esta xornada para falar de servizos sociais, comprometéndose a "desbloquear" os servizos de atención á dependencia, incrementando o seu financiamento, e cambiar os "bonos electoralistas e insuficientes" por dereitos recoñecidos.

O candidato socialista deulle un "suspenso clarísimo" á Xunta en materia de redución da pobreza e da exclusión social e prometeu repoñer tarxeta básica de axuda á adquisición de produtos básicos e simplificar a xestión das axudas de inclusión.

O plan do PSdeG-PSOE inclúe tamén un plan de residencias para maiores "con prezos xustos e atención personalizada", asumir os servizos municipais de axuda no fogar, elaborar un plan de contra a pobreza infantil ou destinar o 1% do orzamento da Xunta a políticas de igualdade.

Arquivado en