O emprego é, segundo o Partido Popular, a "primeira necesidade" de Pontevedra e por iso a "obsesión" do seu candidato á Alcaldía, Jacobo Moreira. Para loitar contra o desemprego na cidade, os populares redactaron un Plan de Emprego que presentaron publicamente este martes. Os seus obxectivos serán mellorar a empregabilidade dos pontevedreses, impulsar a contratación e ofrecer unha maior axuda ás empresas do municipio.
Este plan contempla diversas iniciativas entre as que Jacobo Moreira destacou Pontevedra Emprega, un programa de axudas na creación de empresas por parte de persoas que se atopan en situación de desemprego, prestándolle apoio na posta en marcha do negocio para que poidan facer fronte aos gastos de constitución e apertura, na adquisición de local, gastos correntes ou dereitos da propiedade industrial, entre outros asuntos.
O Partido Popular aposta tamén pola creación de accións formativas para que persoas con experiencia nun oficio vexan homologada a súa capacitación e que estarán centradas especialmente nos colectivos con maior dificultade de inserción laboral; a creación liña de axuda que permita fomentar a contratación indefinida e de xente nova ou a posta en marcha dunha bolsa no estranxeiro para titulados de FP e universitarios.
Entre outras medidas, Moreira citou crear programas de emprego en colaboración con asociacións como Juan XXIII ou Xuntos, habilitar unha lista de substitucións no Concello co obxectivo de promover a incorporación de persoas con discapacidade, impulsar unha oficina que permita fomentar a constitución de cooperativas ou sociedades laborais ou fomentar o traspaso de negocios que pechan por xubilación do seu titular.
O Partido Popular propón ademais a constitución dun observatorio socioeconómico "cuya finalidad será obtener un diagnóstico del comercio y de la economía local" porque Moreira asegura que "solo con información fidedigna podemos definir las acciones que se deben poner en marcha desde el gobierno municipal". Neste esforzo inclúen tamén a creación dunha oficina de captación de fondos europeos.
Pero unha das accións máis ambiciosas é a posta en marcha da plataforma ‘Invest in Pontevedra’ co fin de xerar unha carta de presentación inicial de Pontevedra como destino de investimentos, atraer novos proxectos estranxeiros, situar a Pontevedra como "ciudad atractiva" para o investimento xerador de emprego e facilitar a colaboración entre investidores foráneos e empresas do municipio.
Todo para "poner fin al cartel que tiene Pontevedra como ciudad hostil a la industria", sinalou o candidato do PP. Porque, concluíu Moreira, desde o Concello "se pueden poner en práctica muchas iniciativas para luchar contra el desempleo, solo hay que tener voluntad política para hacerlo".