Ata 70.000 bebidas ao servizo dos deportistas durante o ITU Multisport

Pontevedra
23 de abril 2019

Algunhas das cifras que rodean a celebración dos mundiais de tríatlon na cidade ofrecen unha visión da magnitude do evento. Así sucede por exemplo coa previsión de unidades de bebida para deportistas, organización e voluntariado durante os 9 días de competición

Sinatura do convenio entre Concello de Pontevedra e Coca Cola polo ITU Multisport Festival PontevedraViva

Algunhas das cifras que rodean a celebración dos mundiais de tríatlon na cidade ofrecen unha visión da magnitude do evento. 

Así sucede por exemplo coa previsión de unidades de bebida para deportistas, organización e voluntariado que se repartirán durante os 9 días de competición, entre o 27 de abril e o 4 de maio, especialmente durante as carreiras para axudar á hidratación de máis dos 4.000 competidores.

En total dispoñeranse ata 70.000 bebidas, principalmente auga pero tamén bebidas isotónicas, segundo confirmou unha representante de Coca Cola, María  Troncoso, durante a firma dun convenio de colaboración co comité organizador do ITU Multisport, representado polo seu presidente, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Ademais das propias bebidas, a empresa habilitará durante os mundiais un posto informativo na zona da Alameda e instalará paneis de sensibilización sobre a  imporancia da reciclaxe coa intención de que "eses envases acaben no contedor oportuno".

O ALCALDE, CONVENCIDO DO ÉXITO DO MULTISPORT

A poucos días de que comece o ITU Multisport, o alcalde de Pontevedra móstrase convencido de que "vai ser o máis espectacular de todos".

"Eu creo que imos deixar o pavillón altísimo", sinalou Lores, quen asegura non estar nervioso "porque confío na xente que está traballando" e "pensaron en todos os detalles".