"As empresas que xestionan servizos públicos non son ONG, fan negocio á nosa costa. Rescataremos as concesións”

Pontevedra
17 de maio 2015

Hai catro anos, o 15-M emitiu un berro de rebelión na sociedade española. Froito dese movemento social, comezaron a articularse pequenos partidos que trataron de xuntar ese descontento. Un deles é Marea Pontevedra, a única candidatura de unidade popular que se presenta a estas eleccións municipais na nosa cidade. "Nós somos os únicos que escoitamos ese berro", asegura o seu candidato á Alcaldía, Luis Rei

Luis Rei, candidato á Alcaldía por Marea Pontevedra Mónica Patxot

Hai catro anos, o 15-M emitiu un berro de rebelión na sociedade española. Froito dese movemento social, comezaron a articularse pequenos partidos que trataron de xuntar ese descontento. Un deles é Marea Pontevedra, a única candidatura de unidade popular que se presenta a estas eleccións municipais na nosa cidade. "Nós somos os únicos que escoitamos ese berro", asegura o seu candidato á Alcaldía, Luis Rei (A Coruña, 1958).

Escritor e xornalista, el foi o único candidato que se presentou ás primarias abertas que realizou este colectivo hai uns meses. Agora ten por diante o reto de, acompañado do resto dos seus compañeiros, de entrar nunha corporación que ata o de agora parecía reservada aos tres partidos maioritarios, BNG, PP e PSOE. Eles téñeno claro: "o club vai a ampliarse e nos verán como intrusos, pero nós chegamos ao baile con intención de bailar".

Marea Pontevedra é unha ambiciosa aposta pola vosa parte, que ofrecedes aos cidadáns?

Ante os pontevedreses haberá oito papeletas o día das eleccións. Hai varias forzas de dereita e varias de centro e a única candidatura de unidade popular que agrupa partidos rupturistas e plataformas cívicas e sociais é Marea Pontevedra. Somos a única opción política que configurou a súa lista a través dunha consulta popular aberta a todos os cidadáns que, libremente, quixeron participar nese proceso. Esa é a nosa forza.

É un bo momento para esa participación cidadá na política?

Vese ben a onde conduciu a política dos privilexios dos políticos, a opacidade na defensa deses privilexios e os numerosos casos de corrupción nos que están implicados todos los partidos que exerceron labores de goberno. Nós cremos que outra maneira de facer política fará máis difícil que siga habendo estes casos de corrupción que levaron ao descrédito da política e o desencanto dos cidadáns. O 15-M emitiu un berro de atención e rebelión ante esas cousas. Nós somos os únicos que escoitamos ese berro.

E o feito de estar integrado por tantos partidos e colectivos non dificulta a xestión interna da Marea?

Existe ese risco, pero calquera colectivo onde haxa distintas sensibilidades sempre haberá de buscar o consenso. A fórmula para facelo é someterse á decisión democrática da maioría con total naturalidade. O criterio que sae vencedor é o que defende todo o colectivo. Ese é o noso método de funcionamento. Eu non teño queixa, creo que foi madurando co tempo e logramos un amplo consenso en todos os temas.

Neses debates que tivestes, cal dirías que é a vosa principal preocupación?

Sen dúbida, a xente que padece máis gravemente a crise e a situación económica. Non está só a pobreza extrema, senón as persoas que, a pesar de ter un traballo, este é precario ou por horas e teñen dificultades para facer fronte á factura da luz, para manter a familia, para pagar o aluguer… A primeira medida do Concello debería ser un plan de choque para axudar a estes pontevedreses que se están quedando atrás pola crise e o paro que rexistramos na cidade.

"A primeira medida debe ser un plan de choque para axudar a estes pontevedreses que se están quedando atrás pola crise e o paro que rexistramos na cidade"

Que pensades que se pode facer desde o Concello para frear esta situación?

Nós nos temos unha vara máxica. É certo que as políticas de emprego dependen do goberno central e da Xunta de Galicia, pero o que non podes facer ante unha situación da extrema gravidade de Pontevedra é manter os brazos cruzados. Nós pensamos que o importante é buscar a coordinación con outros ámbitos de actividade económica próximos ao noso, fundamentalmente o foco industrial que é Vigo, buscando a sustentabilidade e a complicidade dos axentes sociais.

E a vosa proposta de remunicipalizar certos servizos como a auga ou a recollida de lixo entraría nese obxectivo?

A auga é un elemento central da vida da xente e non debe estar sometida a negocio. No caso de Pontevedra, o contrato remata dentro de dous anos e é unha oportunidade histórica de rescatar a xestión directa dun servizo que está sendo ineficiente e ineficaz para, por exemplo, estender o saneamento e abastecemento a toda a periferia da cidade que a día de hoxe carece dalgún servizo ou dos dous. E así tamén co lixo. Hai que aproveitar que remata o contrato para rescatar esta xestión pública e poder tratar directamente os nosos residuos.

Credes que a saúde económica do Concello aguantaría ter que asumir todas estas empresas públicas?

Nós levamos no ADN a defensa da xestión pública. Ninguén se cre que as empresas que xestionan a auga ou o lixo non teñen beneficios e que manteñen un contrato deficitario ano tras ano. Cremos que se se rescata a xestión do ciclo da auga, por exemplo, daría beneficios á cidade e permitiría rebaixar o recibo. Iso xa sucedeu nas cidades nas que se fixo. As empresas que levan o guindastre, a recollida de lixo, os xardíns, as piscinas de Campolongo… non son unha ONG, están a facer negocio e o fan á nosa costa. É o momento de pensar neste asunto seriamente e tentar rescatar esas concesións.

"Os veciños teñen que intervir máis alá do voto cada catro anos. Teñen dereito a ser escoitados a diario e especialmente nos temas que lles afectan directamente"

Apostades tamén por máis transparencia e participación cidadá…

Iso é básico en calquera administración e é especialmente importante na que está máis preto da xente, que son os concellos. Non se pode dicir que se fai todo en beneficio dos veciños e facelo de costa a eles. Teñen que intervir máis alá do voto cada catro anos. Teñen dereito a ser escoitados a diario e especialmente nos temas que lles afectan directamente.

Por iso, nos plenos queremos introducir a participación dos colectivos implicados nos asuntos que se debaten, pero non como una concesión que fai o poder político, senón como un dereito. E tamén que os veciños poidan decidir a qué se dedican os recursos económicos do concello, polo que levamos a defensa dos orzamentos participativos. Falan diso agora BNG e PSOE, pero tiveron 16 anos e non o fixeron. Son ofertas que teñen pouco crédito.

E con respecto ao modelo urbano, que opina Marea Pontevedra?

O que hai en Pontevedra non é un modelo de cidade. Iso, en todo caso, é un modelo de mobilidade e que está ben. Pero nin sequera, por exemplo, o feito de prohibir o trafico rodado e o estacionamento, que nós apoiamos, serviu para revitalizar a zona monumental. Non se revitaliza converténdoa no parque temático da hostalería e deixando que os edificios caian no abandono e na ruína. Hai moitas rúas que ofrecen un estado lamentable. Hai que darlle a todo este ámbito un novo uso residencial e potenciar unha actividade económica diversa.

En todo caso, calquera cambio que se faga ten que vir cun documento que defina iso e concrete o crecemento urbanístico da cidade. Carecemos del, refírome ao PXOM, porque había un nulo interese por redactalo e aprobalo por parte do equipo de goberno. E iso afecta, sobre todo ao rural, no que vive un terzo da poboación de Pontevedra. Segue habendo zonas sen saneamento, auga, recollida de lixo, transporte urbano… parece mentira que esteamos falando diso nunha capital de provincia.

Marea Pontevedra tamén incide na necesidade dunha maior protección ambiental da ría. Está a súa riqueza en perigo?

Pontevedra ten unha situación xeográfica privilexiada porque está no fondo nunha das rías con maior riqueza e ademais convoca a desembocadura de tres ríos. Iso é un valor da cidade que non se tivo en conta nunca para aproveitalo como referencia e foco de atracción para o turismo, por exemplo, ou para desenvolver dun xeito máis racional a riqueza marisqueira. Nós o que queremos é reverter  a situación e poñer en primeiro plano ese gran activo da cidade.

E nese escenario, que papel lle reservades a ENCE en Lourizán?

Cremos que ENCE, no lugar que ocupa, é algo predemocrático. Desde o ano 1988, sábese que a empresa tiña que marchar en 30 anos. E a pesar diso, non se fixo nada por buscar un traslado que representase un custo social cero. Agora non é tempo de chantaxes. Non se pode poñer os postos de traballo como moeda de cambio. A responsabilidade de chegar a esa situación é de todos. Do PP, pero tamén do PSOE e do BNG que tiveron unha oportunidade histórica cando gobernaban e tampouco fixeron nada.

"Case nunca as cousas suceden como nos gustaría ao 100% a ninguén, e o resultado do 24 de maio, tanto a Lores como a Moreira, non lles vai gustar"

A vosa posición tamén é clara con respecto a outros dous proxectos, a A-57 e a planta de compostaxe…

Coa A-57, claramente. Chámanlle circunvalación e non o é. Vai a seis quilómetros da cidade, vai de ningures a ningures, comerá unha millonada e non é unha alternativa a nada. A nosa posición é contraria e estamos ao lado dos veciños.

Coa planta da Canicouva hai matices. Estamos a favor da compostaxe, pero en contra dese proxecto. Aínda que se faga esa planta a unha escala máis sustentable, temos o problema do resto do lixo que xera a cidade e que seguiría indo a Sogama. Temos que buscar un tratamento integral do lixo e incluso mancomunar o servizo con Marín e igual con dous ou tres concellos máis que sexan cómplices nesa solución.

Se a partir do 24 de maio, Marea Pontevedra entra na corporación, credes que vades a ser ben recibidos?

Iso funcionaba como un club e a pesar do que lles gustaría a eles, o club vai a ampliarse. Nos verán como intrusos, pero nós chegamos ao baile con intención de bailar. Cremos que o escenario que sairá das eleccións será sen maiorías absolutas. Sabemos que nós non imos gañar as eleccións, pero non haberá respaldo total a ningunha forza. Abrirase un tempo de busca de alianzas e solucións que permitan gobernar a cidade. Nós para pensar niso, poñeremos por diante o programa, que para iso o temos.

E hai liñas vermellas que non atravesaredes?

Eu descartaría calquera pacto ou apoio ao PP. Pero en todo caso, esas liñas vermellas nos as imos decidir nós, consultaremos a todo o colectivo da Marea e ao resto dos cidadáns. O que si temos claro é que case nunca as cousas suceden como nos gustaría ao 100% a ninguén, e o resultado do 24 de maio, tanto a Lores como a Moreira, non lles vai gustar.