As atraccións da Peregrina xa están inspeccionadas e revisadas

Pontevedra
10 de agosto 2023

O Concello de Pontevedra foi pioneiro hai 21 anos na realización deste tipo de inspeccións no país, recurrindo neste caso ao equipo técnico de Enmacosa, que xa revisou as atraccións durante as Festas do Santiaguiño do Burgo

Inspección técnica das atraccións das festas Concello de Pontevedra

Un equipo técnico de Enmacosa inspecciona dende este mércores, por encargo do Concello de Pontevedra, as 27 atraccións itinerantes que se están a instalar na contorna da Alameda e da rúa de Raíña Victoria para a celebración das Festas da Peregrina 2023.

A finais do pasado mes de xullo Enmacosa tamén controlou nesta localidade a montaxe e as probas de funcionamento das atraccións das Festas do Santiaguiño do Burgo.

O Concello pontevedrés foi pioneiro hai 21 anos na realización deste tipo de inspeccións, que buscan incrementar as garantías de seguridade para as persoas que utilizan estas instalacións. Dende aquela foron sumándose a estas inspeccións a fondo outros concellos, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas.

O equipo técnico que acude á feira segue un protocolo específico que inclúe varias fases: Revisa a documentación concreta de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto...) para corroborar que todo está en orde. Tamén comproba que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

Ademáis, analízanse outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.

Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.

Todas as revisións se realizan na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar termos relativos ao deseño do aparato, que serían obxecto da correspondente homologación.

Os controis non entran a valorar o estado das tensións internas de calquera eixe ou compoñente mecánico, así como as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos, que terían que ser obxecto dunha análise máis exhaustiva en instalación fixa, con maquinaria adecuada e co tempo necesario, é dicir, cunha inspección técnica regular, similar ás ITV dos vehículos, que hoxe non reviste carácter obrigatorio para estas instalacións.

O traballo de Enmacosa Consultoría Técnica complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade.

Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.

Para a execución deste tipo de inspeccións, a compañía conta con equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.