Se hai alguén que tiña claro que o goberno municipal de Pontevedra debía apoiar de forma decidida a cultura emerxente esa é, sen dúbida, Anabel Gulías. A responsable de Promoción da cidade, ante os problemas que a nova lei de espectáculos públicos creaba a programadores e artistas, buscou a maneira de que a actividade cultural da cidade non se resentise.
Logrouno con Cabos Soltos, un programa municipal co que o Concello arroupará a todo aquel bar, cafetería ou pequena sala que, tras cumprir unha serie de requirimentos normativos e técnicos, queira apostar por organizar a súa propia programación cultural que, baixo este formato, contará co apoio da administración.
Cal é a filosofía do programa Cabos Soltos?
Cabos Soltos é un programa do que eu especialmente estou moi orgullosa porque favorece moitos sectores diferentes da cidade. Está integrado nunha área xenérica da concellería de Promoción da cidade para impulsar a escena creativa local e abarca a sectores que forman parte do desenvolvemento económico da cidade.
Que levou ao Concello a ir da man da hostalería?
A hostalería é un sector moi importante na nosa cidade e, ao mesmo tempo, son contedores de arte e de creatividade porque sosteñen unha gran programación musical, cultural e expositiva. Por mor da nova lei de espectáculos de Galicia, toda esa actividade está suxeita a uns condicionamentos moi severos e déixao todo en mans do Concello.
Na miña opinión, esa é unha decisión equivocada porque apostar pola cultura de base debe ser un obxectivo como país e non depender de se estás no concello correcto para iso. Sexa como sexa, en Pontevedra si apostamos por iso e por iso creamos a marca Cabos Soltos.
Trátase pois, en certa maneira, de ordenar a oferta cultural da cidade…
Máis ben de facilitar esta actividade en locais que habitualmente programan en pequeno formato e non organizan grandes concertos que fagan a competencia ás salas que teñen a licenza adecuada. É dicir, dar soporte a cafeterías que queiran facer exposicións ou recitais de poesía ou a pequenos pubs que queiran iniciar a súa sesión cun concerto en directo.
Con Cabos Soltos, cumprindo unha serie de requirimentos e promocionando a cultura emerxente, vas poder realizar estas actividades. Trátase de contrapoñer dous modelos de cultura: a do gran evento coa que estou de acordo e a de cantidade de pequenas salas que estiveron sostendo unha escena independente que é tan necesaria.
Tamén se busca, por tanto, apoiar ao artista emerxente, non?
Por suposto. Imos facer un catálogo local de artistas. E non só con xente que xa está a facer cousas. Queremos involucrar ao campus universitario, que os alumnos de belas artes, moda ou comunicación audiovisual teña un lugar onde mostrar os seus traballos. Queremos que haxa experimentación e que a público abra o seu abanico de coñecemento e de lecer.
Será Cabos Soltos un programa dinámico? Permitirá novas incorporacións?
Dirixímonos a tres actores. Se tes un local, magnífico. Podes sumarte cando queiras. Se es un artista e vives, traballas ou tes relación con Pontevedra mándanos a túa experiencia e incluirémoste no catálogo. E facemos un chamamento ao público. Temos que pensar que somos consumidores de cultura e se queremos ter unha programación dinámica e efectiva, depende de nós. De demandalo e producir beneficio.
Cónstame ademais que houbo interese doutros concellos por coñecer esta experiencia, non é así?
Estamos a esperar polo regulamento de espectáculos e hai certa incerteza. A lei deixa moitas cousas nun limbo que resulta prexudicial para moitos sectores. Desde outros concellos pedíusenos información pola nosa aposta por resolver os problemas de salas e integrar á cidade nunha solución global.
Estamos encantados de que a xente nos pregunte. Como todo proxecto piloto, tamén necesitamos toda a axuda posible e poñernos todos a tirar do carro. Espero que outros municipios aposten por estas iniciativas, non só Pontevedra. Non sería bo para a cultura galega. En Galicia están a facerse cousas moi potentes e non é chovinismo nin baboseo. Temos que crear un clima que favoreza a esta cultura en pequeno formato.