Ambiente inmellorable durante a primeira xornada do ITU Multisport

Pontevedra
27 de abril 2019

Máis de 1200 deportistas, procedentes de todo o mundo, participaron durante este sábado nas probas do Mundial de tríatlon, sendo, así, a xornada de maior afluencia de atletas do evento

Ambiente na primeira xornada do ITU Multisport Festival Xan Xiadas

Gran xornada deportiva a que se viviu durante este sábado en Pontevedra. Máis de 1200 deportistas de todo o mundo participaron nas probas do apertura do  ITU Multisport, enchendo a cidade non só de deporte, senón tamén de ambiente festivo.

Os primeiros en vestirse o maillot foron os duatletas de entre 16 e 89 anos, que a partir das 8:00 horas chamaron a atención de centos de persoas, tanto ao longo do percorrido preparado por diferentes zonas da cidade, como nas bancadas do CGTD, lugar onde se situou a liña de meta.

Nesta ocasión, destacaron varios atletas do equipo español. O primeiro deles, o asturiano Rubén Nicieza (nado en 1931), que finalizou en segunda posición a carreira de categoría AG Sprint masculina 85-89. En 16-19 feminina, Besaide Astorbiza quedou ás portas do podio. Ademais, en 40-44 masculina, Ángel Gutiérrez fíxose co primeiro posto, por diante de Rafael Curado, que finalizou segundo, seguido, en cuarta posición, por Miguel Ángel Vidal.

Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, foi a quenda para o dúatlon de distancia estándar para grupos de idade, durante o que a asistencia de público, tanto de locais como de membros dos diferentes equipos competidores, foi aínda maior, poñendo, así, fin a unha primeira xornada deportiva redonda.

Consulta as clasificacións das probas de idade do primeiro día de competición.