A apertura da Expo do ITU Multisport, paso previo ao comezo dos mundiais de tríatlon

Pontevedra
24 de abril 2019

Unha carpa situada na Avenida Montero Ríos dá a benvida desde este mércores aos 3.961 deportistas participantes no ITU Multisport de tríatlon

Apertura da Exposición do ITU Multisport Festival de tríatlon Mónica Patxot

A cada vez menos horas de que dea comezo o ITU Multisport de tríatlon, a cidade empeza a empaparse do gran evento deportivo do ano, visible en cada recuncho.

Os primeiros deportistas comezaron a chegar á Boa Vila para competir nos diferentes mundiais de tríatlon desde o vindeiro sábado 27 de abril, e como paso previo a organización abriu este mércores a Exposición do ITU Multisport.

Trátase dunha carpa instalada na Avenida Montero Ríos e que dará a benvida aos 3.961 deportistas de finalmente 52 países que chegarán a Pontevedra. Por alí pasarán todos eles estes días, xa que é o lugar da oficina de rexistro dos competidores.

Ademais atoparán varios postos de roupa deportiva, do voluntariado, de información turística e ata da próxima edición do Multisport, que se celebrará en 2020 en Holanda. 

Como complemento, na carpa poden verse algúns dos trofeos máis prezados de Javier Gómez Noya nun museo habilitado por un dos seus patrocinadores, Banco Santander, ao que o campionísimo galego cedeu títulos mundiais en modalidade olímpica ou Ironman 70.3 e diverso material utilizado durante a súa carreira.

A  Expo do ITU Multisport abrirá cada día ata o final dos campionatos en horario de 10:00 a 20:00 horas.