78.000 pasos e moita lambetada para dar a coñecer a mensaxe socialista

Pontevedra
16 de maio 2019

Cada voto conta. Cada paso, tamén. Na candidatura do PSOE de Pontevedra para as eleccións municipais do 26 de maio téñeno moi claro e desde o inicio da campaña o pasado 10 de maio están a centrarse en percorrer paso a paso cada recuncho do municipio. Reparten o seu programa e, de paso, piruletas 

Reparto de propaganda electoral do PSOE na Peregrina
Reparto de propaganda electoral do PSOE na Peregrina Mónica Patxot

Cada voto conta. Cada paso, tamén. Na candidatura do PSOE de Pontevedra para as eleccións municipais do 26 de maio téñeno moi claro e desde o inicio da campaña o pasado 10 de maio están a centrarse en percorrer paso a paso cada recuncho do municipio, coa idea de chegar a todo potencial votante para trasladarlle a mensaxe socialista a través do reparto do seu programa e, de paso, de piruletas. 

Tino Fernández, encabeza a candidatura e tamén a comitiva que percorre todos os puntos do municipio e, para mostra, a aplicación que ten instalada no móbil para contar o pasos que dá cada día. Descargouna o propio venres de inicio da campaña e ata este mércores xa levaba acumulados 77.918

O dato, relativo a seis días de campaña, hai que tomalo en perspectiva tendo en conta que na tarde do venres e toda a xornada do sábado os socialistas suspenderon a súa campaña electoral por mor do falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba. 

Segundo explicou o propio alcaldable, houbo días, como este mércores, nos que chegou a superar os 20.000 pasos -20.100 en concreto-. O habitual é que realice percorridos de reparto de propaganda en horario de mañá e tarde e que vaia tanto ao centro da cidade como ás distintas parroquias do rural.

O percorrido da mañá deste xoves levouno polas rúas máis comerciais de Pontevedra, desde Michelena a Peregrina, Benito Corbal ou Cruz Gallástegui, acompañado pola número 2 da candidatura, Yoya Blanco e outras integrantes da lista, e pola tarde a parada foi o barrio de Mollabao. 

Ata agora xa percorreron boa parte do casco histórico e as parroquias de Campañó, Cerponzóns, Lérez, Alba, Tomeza e Bora e nos seguintes días chegará ata as 15 parroquias do municipio. Durante a pasada campaña para as eleccións xerais seguiron exactamente a mesma filosofía e tamén levaban sempre piruletas, pois, como recorda o propio Tino, "é xa como unha tradición, todos saben que levamos unha piruleta por se hai nenos ou maiores que as queiran". De paso, aos integrantes da 'expedición' tamén lles serven para repoñer forzas da atarefada campaña. 

Ademais de levar a súa mensaxe a cada recuncho de Pontevedra, están a dar detalles, a través dos medios de comunicación, dalgunhas das súas ideas para Pontevedra. Este xoves anunciaron a súa proposta para poñer fin a un sistema de recollida de lixo "anárquico" e que "deixa emporcadas moitas zonas emblemáticas da cidade". 

A súa idea é impulsar un Plan de Regulación e Soterramento de Contedores e, para deseñalo, realizarán un estudo que determinará as "áreas sensibles" de Pontevedra nas que sexa preciso o soterramento e/ou a implantación de medidas alternativas que permitan unha recollida máis intensiva".

Para o líder do PSOE, resulta moi evidente que, tanto no que atinxe aos horarios de recollida como á acumulación de lixo en diversos puntos do casco urbano, "o sistema actual non está a funcionar". Na súa opinión, o modelo de Pontevedra debe optar por "uns procedementos máis modernos, eficientes en termos ecolóxicos e respectuosos cos impactos que se producen na cidade".

Ademais do soterramento en determinadas áreas, o plan dos socialistas contempla a regulación dos contedores que se emprazan en superficie, así como a reposición en barrios e parroquias de todos aqueles que non se atopen nas condicións axeitadas. No estudo que se faga para o deseño deste plan plantexarase a viabilidade de quitar os contedores en horario diúrno e de colocalos, recollelos e retiralos de novo pola noite.

O programa do PSOE tamén fai unha aposta firme pola compostaxe, como xeito de tratamento integrado nun Plan Autonómico de Residuos xestionado pola Xunta de Galicia e baseado en estudos técnicos rigorosos.