Preparados, listos… xa! A carreira pola Alcaldía de Pontevedra comezou. Non na Alameda como era habitual. A Praza de España foi esta vez o punto neurálxico do arranque da campaña para as eleccións municipais do próximo 28 de maio.
Dez grandes paneis, situados entre a estatua dos Heroes de Ponte Sampaio e a antiga casa do concello, serven xa de soporte para os carteis electorais deseñados polas nove formacións políticas que participarán nestes comicios.
Minutos antes das doce da noite, a hora prevista para esta tradicional pegada de carteis, os partidos foron tomando posicións. A repartición de espazo deparou escenas curiosas. BNG e Vox, por unha banda; e PP e Podemos, por outro; foron as parellas máis atípicas.
Tras manter un encontro con militantes e simpatizantes no Cafetín, Miguel Anxo Fernández Lores insistiu na "ilusión" que sente ante unha campaña que debe servir, segundo reiterou, para "abrir unha nova etapa" na cidade e "seguir avanzando".
A uns vinte metros de distancia, un animado Rafa Domínguez pedíalle aos seus traballar para "levar a Pontevedra ao século XXI", asegurando estar "máis preparado que nunca e coa mesma ilusión desbordante que sempre". Tanto que non dubidou en dar renda solta á súa emoción e bailar -ou máis ben saltar- ao ritmo de Celebration, de Kool and the Gang.
Pero para música, a do PSOE. No medio dunha selección que incluía, entre outros, a Massiel ou a Isabel Pantoja a todo volume, Iván Puentes tamén destacou o "optimismo e ilusión" que existe entre os socialistas, que se ven protagonistas do "cambio" que necesita a cidade. Fíxoo tras completar unha colorida intervención artística -un grafiti co seu retrato-.
Máis aló destes tres partidos, que fixeron todo un alarde de forza e rodeáronse de decenas de militantes cada un, ningunha das outras seis formacións quixo perderse este simbólico arranque de campaña. Iso si, dunha maneira moito máis discreta.
Os líderes de Vox, Cidadáns e Pontevedra Alternativa, Manuel Torres, David Díaz e Carlos Fontán, entre o BNG e o PSdeG-PSOE, optaron por estar nun segundo plano, pegar os seus carteis electorais -os primeiros con cinta adhesiva en lugar de cola- e compartir estes primeiros instantes de campaña cos seus compañeiros.
Podemos, que aproveitou o panel baleiro e duplicou o seu espazo asignado, Pacma e Espazo Común quedaron co outro lado da praza, o máis próximo á Subdelegación de Goberno. Alí, a Luisa Lores, Alberto de Salazar e María Rey tamén lles arrouparon os seus incondicionais.