28M | Nove aspirantes e un único obxectivo: a Alcaldía de Pontevedra

Pontevedra
11 de maio 2023

Sete homes e dúas mulleres. Un alcalde en busca do seu sétimo mandato consecutivo e oito candidatos que tentan destronalo. Para tres deles será o seu segundo asalto á Alcaldía. Os outro cinco estréanse nestas lides. Así se presentan estas municipais en Pontevedra

Os nove 'alcaldables' que se presentan nas eleccións do 28M en Pontevedra Mónica Patxot

Sete homes e dúas mulleres. Un alcalde en busca do seu sétimo mandato consecutivo e oito candidatos que tentan destronalo. Para tres deles será o seu segundo asalto á Alcaldía. Os outro cinco estréanse nestas lides. Así se presentan estas municipais en Pontevedra.

Horas antes do inicio dunha campaña electoral que ameaza con ser unha das máis intensas das últimas citas coas urnas, PontevedraViva reuniu aos nove 'alcaldables' para unha foto de familia. Quizá, o último momento de calma antes da tempestade.

En pouco máis de quince días, o domingo 28 de maio, os pontevedreses deberán elixir á persoa que guiará á cidade durante o próximos catro anos. Estará nas mans dunhas 67.000 persoas. As que están convocadas a esta nova consulta electoral.

Pontevedra volverá elixir a 25 concelleiros para conformar a nova corporación municipal, que no últimos catro anos estivo conformada por BNG (11), PP (9), PSdeG-PSOE (4) e Cidadáns (1), aínda que este último quedou sen representación tras expulsar ao seu edil.

O rival a bater será Miguel Anxo Fernández Lores (BNG). Alcalde desde 1999, quere seguir no sillón de mando. O seu principal opositor, Rafa Domínguez (PP), chega con mellores perspectivas que hai catro anos e tentará derrocar ao veterano rexedor.

O terceiro en discordia, Iván Puentes (PSdeG-PSOE), ten ante si o reto de mellorar os resultados electorais do seu precedesor. Tamén Cidadáns cambia de candidato. Presenta a David Díaz, que tenta protagonizar o renacer deste partido na cidade.

Tras a desaparición de Marea, Podemos queda como a única referencia para a esquerda rupturista. Á fronte, a radióloga Luisa Lores, vinculada tradicionalmente a Esquerda Unida. E Vox repite póster electoral, con Manuel Torres, funcionario municipal, como a súa opción para ser alcalde.

Os outros tres contendentes fano á fronte de novos partidos. Aínda que para María Rey (Espazo Común) serán as súas segundas eleccións. Xa encabezou a Cidadáns en 2015. Xunto a ela estarán o hostaleiro Carlos Fontán (Pontevedra Alternativa) e o avogado Alberto de Salazar, que lidera a candidatura coa que o partido animalista PACMA estréase nunhas municipais.

Quen deles lograrán representación? Haberá cambio de goberno? Ata onde chegará a renovación da corporación municipal? A resposta a todas estas preguntas, o 28 de maio.