David Díaz ten ante si o reto de reconstruír o proxecto político de Ciudadanos en Pontevedra. Tras coller as rendas do partido hai menos dun ano enfróntase xa ao seu primeiro desafío: unhas eleccións municipais ás que, segundo asegura, chega con "moi boas sensacións".
O seu obxectivo é representar á Pontevedra que ve "silenciada" e entrar na corporación municipal para ser unha "voz potente" que contribúa a reverter a tendencia da que, segundo Díaz, é unha cidade "estancada e en decrecemento" a nivel económico e social.
Cando e por que decides liderar este novo proxecto de Ciudadanos?
A decisión tomeina en setembro. Creo que temos un espazo que é necesario aumentar. Quero representar a esa Pontevedra que está silenciada e que sofre aos políticos tradicionais.
O primeiro, entendo, foi reorganizar o partido. No últimos catro anos, apenas destes sinais de vida.
Houbo que reconstruír a agrupación porque estaba un pouco tocada. Fomos recuperando xente que xa estivera e captamos xente nova e con ganas de achegar cousas. Fomos crecendo aos poucos ata conformar un equipo que non estivo nunca en política.
E a situación nacional que atravesa Ciudadanos non crees que pode afectar as vosas expectativas?
A diferenzas doutras zonas, a miña sensación é boa. Aquí non vexo a marca denostada porque nunca estivo excesivamente exposta. Pero toca fortalecernos. Conto con que o valor humano desta candidatura pese máis que as siglas. Estou convencido de que o partido sairá adiante.
Que esperades destas eleccións?
Que a xente saiba que Ciudadanos se presenta e que estamos dispostos a traballar por eles desde a humildade. Non queremos ser profesionais da política. O obxectivo é entrar con máis forza no concello e ser unha voz potente dunha Pontevedra que é maioría. Confío en que aumentaremos a base de confianza que tivemos en anos anteriores.
Falabas antes do teu equipo, como os definirías?
Son cidadáns do montón e emprendedores. Todos temos algunha inquietude e moita vocación para axudar aos demais. Toda a lista, sen excepción, son persoas que son moi dadas aos demais. Fano sen esperar nada a cambio.
"A Pontevedra vémola nunha situación de decrecemento. Está estancada, tanto a nivel económico como de actividade social"
Unha fichaxe que sorprendeu foi o de Maricarmen Iglesias, a irmá de Sonia Iglesias, como a convencestes para que dese este paso?
Pensámolo moito. Traballouse moi lentamente porque é unha situación delicada. Ela é moi introvertida e cústalle ser mediática. Prometémoslle que para ela non habería unha máxima exposición. Non foi algo preparado. Propuxémoslle que nos acompañase, como broche e para darlle empaque á lista. Concedeunos a honra de pechala.
Entrando xa no detalle da vosa proposta, como ves a Pontevedra actual?
A Pontevedra vémola nunha situación de decrecemento. Está estancada, tanto a nivel económico como de actividade social. E vemos que hai moita diferenza entre a xente que vive no centro e os que viven fóra do núcleo urbano. Iso é inxusto e hai que solucionalo.
E que crees que necesita para avanzar?
Hai que desbloquear Pontevedra, que os cidadáns confíen en nós. Pontevedra debe rexurdir na súa actividade como cidade. Hai que centrar o foco. O eixo fundamental ten que estar nas familias. E vertebrarnos máis cara ao río Lérez. Ten que ser protagonista.
Di o alcalde que todos os partidos o que buscades é dar marcha atrás ao modelo urbano de Pontevedra. Consideras que é así?
Eu non estou en contra do modelo de peonalización sempre que sexa dentro da moderación. É unha evolución da sociedade para compaxinar modernidade e tradición. Pero non se pode utilizar como escusa esa parte positiva para organizar unha cidade ao gusto duns poucos. Non podemos radicalizar o modelo. O noso proxecto é disruptivo en contra dun modelo rupturista.
E cales serían os eixos do voso modelo entón?
É fundamental que as familias se sentan a gusto e que se asenten máis. É primordial que a economía rexurda. Está todo enlazado. Apostamos por actividades económicas acordes coa ecoloxía, actividades de turismo, lecer e deporte e por unha cidade máis social e familiar.
Que pode facer o Concello para fomentar esa actividade económica?
"Nótoo na rúa. Está a gobernarse desde a soberbia e con iso só consegues distancia co cidadán"
Ampliar o seu plantel, hai áreas nas que falta persoal. Pero máis aló diso, pode facer moitas cousas porque manexa fondos que poden promover actividade. E, desde logo, os emprendedores deben ter a mínima burocracia para facer crecer o tecido empresarial. Que teñan licenzas automáticas para poder traballar e flexibilizar as condicións aos locais.
Agora que se fala tanto da transición ecolóxica, cales son as vosas propostas para facer de Pontevedra unha cidade máis verde?
Non hai que facer grandes esforzos para cumprir coa economía circular. A base xa a temos. E temos que achegar a cidade ao río. Traballamos coa idea dun centro multiusos cun anfiteatro e actividades deportivas. E a nivel turístico queremos recuperar todo o roteiro fluvial que subía ata o antigo balneario. Ese espazo ten moito potencial.
Que áreas municipais crees que habería que reforzar?
Asuntos sociais, sen dúbida. Non só para atender ás persoas en risco de exclusión. Ten que ser un departamento vertebrador da sociedade. E hai que fomentar as consultas cidadás. A política desta cidade temos que facela entre todos.
Con respecto a esta última cuestión, vedes ao goberno municipal desconectado da sociedade?
Totalmente. Dáme esa sensación. Nótoo na rúa. Está a gobernarse desde a soberbia e con iso só consegues distancia co cidadán.
Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?
Faría unha auditoría no Concello. Tras 24 anos hai que saber o que hai.