Ofrecer cobertura social a todas aquelas persoas que estean en situación de vulnerabilidade é unha das principais áreas de xestión municipal. Por iso, nesta análise que estamos a realizar aos programas electorais en Pontevedra, prestamos atención ás propostas en servizos sociais.
Como mellorarían a atención que reciben os cidadáns? Que áreas deste escudo social habería que reforzar? Que programas se poden activar para aumentar esta cobertura? Os nove candidatos e candidatas toman a palabra.
BNG
- Creación dun plan de emprego específico para dar entrada a persoas con discapacidade intelectual no cadro de persoal municipal así como a adaptación dos exames de entrada na función pública.
- Programas específicos municipais que garantan a cobertura dunha vida digna, con especial atención á vivenda, gastos esenciais, menores e plans de emprego. Todo iso conformará un único programa coordinado e coherente co obxectivo principal de optimizar os recursos e facilitar a relación das persoas usuarias coa administración.
PP
- Reforzar os servizos sociais: É fundamental contar cun equipo de profesionais ben capacitados e dotados dos recursos necesarios para brindar atención e apoio a quen o necesita, aumentando o orzamento destinado aos servizos sociais, para contratar máis traballadores e mellorar as condicións laborais e de atención.
- Fomentar a participación cidadá: A participación activa da cidadanía é clave para garantir que os servizos sociais sexan efectivos e se adapten ás necesidades das persoas. Para iso, a aposta sería crear un consello de participación cidadá no ámbito dos servizos sociais, co obxectivo de escoitar as demandas e propostas da cidadanía e levar a cabo iniciativas conxuntas.
PSdeG-PSOE
- Incrementar o orzamento (15%) e o persoal da área de Benestar Social, a fin de mellorar a atención aos usuarios/as. Aumentar nun 20% o presuposto e o número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa duplicado neste mandato. Crear a Oficina da Dependencia para axilizar e reducir a espera nos trámites previos á valoración da Lei de Dependencia.
- Impulsar unha rede de aloxamento e centro de día para a atención aos colectivos de transeúntes e persoas sen fogar, homes e mulleres con diversos graos de atención que inclúan unha curta, media e longa estancia na que se traballe de modo integral, co obxectivo de acadar a incorporación social e a autonomía das persoas atendidas.
Cidadáns
- Proposta para un banco de alimentos ou economato municipal que garanta auga e pan diario para todas as familias.
- Unha bolsa de vivendas públicas mediante a promoción ou adquisición.
Podemos
- Centro de día municipal e incremento do SAF.
- Renda mínima municipal compatible con traballos parciais e co ingreso mínimo vital.
VOX
- Reapertura do asilo con prazas reservadas para maiores de Pontevedra.
- Impulsar programas de acceso á primeira vivenda para mozos menores de 35 anos.
Pontevedra Alternativa
- Elaboración dun bono de saúde mental para persoas con situación psicolóxica vulnerable e prevención do suicidio.
- Programa Fogares Vulnerables. Axudar a aqueles fogares que padezan pobreza enerxética e crear unha rede de garantía alimentaria.
Espazo Común
- Clases extraescolares para os pequenos de familias sen recursos.
- Reorganización de servizos sociais coa fin de dar maior axilidade nas respostas ás persoas vulnerables que os requiran.
PACMA
- Creación dunha oficina de atención presencial, sen necesidade de cita previa, para a eliminación de barreiras tecnolóxicas de persoas maiores ou cidadáns con dificultade para acceder a internet.
- Reforzar os programas de atención a persoas maiores e en risco de exclusión social, así como desenvolver programas específicos para as persoas maiores que inclúan actividades de lecer, deporte cultura e servizos de axuda a domicilio, entre outros.