Case 20.000 pontevedreses viven fóra do centro urbano. Os seus proxectos de vida repártense entre as quince parroquias do rural. Para eles, os nove partidos que se presentan a estas eleccións municipais tamén reservan numerosas propostas dentro dos seus programas
Cal é o modelo que impulsarían nestas áreas do municipio? Que necesidades máis urxentes aprecian nelas? Como resolverán os problemas que se poidan rexistrar nelas? Hai algo máis alá de completar o saneamento e o abastecemento? Os alcaldables responden.
BNG
- Continuar coa creación de novos núcleos de centralidade en Verducido, Campañó, Marcón, Santa María de Xeve, Tomeza, Lérez e Bora; mellorando as contornas dos lugares de convivencia das parroquias. A experiencia acumulada no deseño dos núcleos de centralidade, espazos de socialización e dinamización fundamentais para cohesión social abren todo un abano de posibilidades para mellorar os existentes e abordar os novos con amplas garantías de éxito.
- Coche de punto: a nova ordenanza do taxi garante un período de avances para este servizo e, por fin, están dados todos os pasos para botar a andar o servizo nas parroquias.
PP
- É fundamental apoiar aos produtores locais e promover a comercialización dos seus produtos en mercados próximos. Para iso, pódense organizar feiras e mercados nos que os produtores poidan mostrar e vender os seus produtos directamente aos consumidores.
- Fomento do turismo rural: O turismo rural é unha fonte importante de ingresos para o mundo rural. É necesario promover os recursos turísticos da zona rural de Pontevedra e desenvolver unha estratexia de turismo rural sostible. Pódense promover rutas de sendeirismo, cicloturismo e turismo de natureza, así como actividades relacionadas co patrimonio cultural e as tradicións locais.
PSdeG-PSOE
- Áreas de Rehabilitación Especifica nos núcleos rurais. Crearanse en cada parroquia áreas deste tipo, similares á ARI do centro histórico, a fin de poder acceder a axudas públicas para a rehabilitación de vivendas e a extensión de servizos, contribuíndo así a fixar máis poboación no rural.
- Completar o abastecemento e saneamento do rural. Extensión a todos os núcleos de poboación da rede de saneamento e de auga potable, con criterios claros e transparentes, minimizando as vivendas que queden excluídas en cada fase e aplicando unha bonificación do IBI a quen se vexa nesta situación.
Cidadáns
- Saneamento para todas as parroquias e habilitación de pasos de peóns en estradas nacionais.
- Potenciar o acercamento do centro ao rural con actividades desprazadas de intercambio de coñecementos e tradicións, habilitando a interconexión co transporte de proximidade.
Podemos
- Espazos e prazas no rural para a relación da veciñanza e o ocio e o deporte.
- Rehabilitación de vivendas baleiras no rural e axudas as persoas que queiran vivir ou traballar no rural, mellorando a mobilidade a través de buses eléctricos.